O zapón é un mecanismo do soprete da gaita galega que consiste nunha lingüeta feita tradicionalmente de coiro que permite soprar o aire dentro do fol da gaita e impide que volva saír, facendo as funcións de válvula que funciona coa presión do aire exercida polo brazo ao apertar o fol.

Detalle do mecanismo do son da gaita galega.

Características editar

Habitualmente fanse de coiro, aínda que tamén se elaboran con goma ou látex. Era habitual aproveitar as cámaras de aire das rodas das bicicletas para elaborar estas válvulas. O zapón únese ao espigo do soprete, que vai metido dentro da buxa, a través dun parafuso e leva unha lámina de metal pequena para que o zapón se manteña no seu lugar. Son habituais tamén outros tipos de soportes: un par de arames cruzados unidos ao espigo do soprete que permite que o zapón estea solto; unha cánula onde o zapón se presenta como unha lingüeta, igual que o pallón do ronco e que vai inserida no burato do soprete, e outros. É importante manter o zapón húmido para que actúe debidamente, en especial os que están feitos de coiro.

Tamén son zapóns a parte que tapaba a abertura dianteira dos calzóns que se usaban ata a segunda metade do século XIX; as aberturas ou portas feitas no piso ou teitos das edificacións para comunicar unha dependencia con outra; as aberturas na cuberta dunha embarcación para comunicar un nivel superior cun inferior, e tamén en avións, carros de combate e submarinos.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Os segredos da gaita, Xosé Lois Foxo, Deputación Provincial de Ourense, 2004, Ourense.
  • A gaita no eido da música, Xaime Estévez Vila, Centro de Ensinanzas Musicais Mayeusis, 1987, Vigo.