O xuízo de Scopes ou caso de o Estado de Tennessee contra John Thomas Scopes ou Tennessee contra Scopes ou, informalmente, o xuízo do mono (Scopes Monkey Trial), foi un famoso caso xudicial celebrado en Tennessee, Estados Unidos en 1925, no cal un profesor substituto de instituto chamado John Scopes foi acusado de violar a Lei Butler do estado de Tennessee, que prohibía a ensinanza da evolución humana en todas as escolas financiadas polo estado.[1] O proceso foi deliberadamente montado para dar publicidade á pequena vila de Dayton, Tennessee, onde se celebrou, e chamar a atención sobre a prohibición da ensinanza da evolución nas escolas. Scopes incriminouse a si mesmo á mantenta para que ese asunto puidese ser defendido.

Unha sesión do xuízo que se ordenou que se celebrase nunha plataforma no exterior (para evitar a calor da sala) na que o avogado defensor leu a testemuña escrita dos expertos científicos, aos que non se deixou declarar en persoa. Son visibles pancartas que din "Le a túa Biblia" que se colgaron en Dayton durante o xuízo.
Un posto antievolucionista ao inicio do "xuízo do mono".

No xuízo, Scopes foi considerado culpable e multado con 100 dólares, pero máis tarde a multa foi anulada aducindo un tecnicismo legal. O proceso deulle unha gran publicidade nacional a Dayton, xa que reporteiros de todo o país acudiron en multitude alí para cubrir a actuación dos avogados de gran sona que representaban a cada parte. William Jennings Bryan, tres veces candidato á presidencia, actuou como fiscal, e Clarence Darrow, un famoso avogado defensor, defendeu a Scopes. O proceso puxo de relevo a controversia fundamentalismo-modernismo, na que os cristiáns modernistas, que dicían que a evolución non era incompatible coa relixión,[2] se opoñían aos fundamentalistas, que dicían que a palabra de Deus revelada na Biblia tiña prioridade sobre calquera coñecemento humano. O caso foi visto tanto como unha disputa teolóxica coma un proceso sobre se debería ensinarse a ciencia moderna nas escolas. Sobre o caso de Scopes fixéronse obras de teatro, películas de cine e televisión e libros.

Orixes editar

A orixe do conflito que motivou o xuízo de Scopes estaba na Lei Butler. O deputado estatal John W. Butler, un granxeiro e líder da World Christian Fundamentals Association, seguía a política de reclamar á asemblea lexislativa de Tennessee que aprobase leis anitievolución. Tivo éxito finalmente cando se aprobou a Lei Butler de Tennessee, o 25 de marzo de 1925.[3] Butler posteriormente declarou: "Non sabía nada sobre evolución... Lera nos xornais que os rapaces e rapazas volvían da escola e lle contaban aos seus pais que a Biblia non tiña ningún sentido." O gobernador de Tennessee Austin Peay asinou a lei para gañarse o apoio dos lexisladores rurais, pero cría que a lei nunca sería imposta nin interferiría coa educación nas escolas de Tennessee.[4] William Jennings Bryan agradeceu con estusiasmo a aprobación da lei; dixo: "Os pais cristiáns do estado teñen con vostede unha débeda de gratitude por salvar aos seus nenos da velenosa influencia dunha hipótese non probada."[5]

En resposta, a American Civil Liberties Union financiou un caso que sentase precedente xurídico no cal John Scopes, un profesor de ciencias de instituto de Tennessee, estaba de acordo en ser procesado por violar a Lei. Scopes, que substituíra ao profesor que habitual, foi acusado o 5 de maio de 1925 de ensinar evolución utilizando un capítulo do libro de texto de George William Hunter Civic Biology: Presented in Problems (1914), que describía a teoría da evolución, raza e euxenesia. As dúas partes trouxeron para representalos a algúns dos avogados máis famosos da nación, William Jennings Bryan para a acusación e Clarence Darrow para a defensa, e o xuízo foi seguido por medio de transmisións de radio en todo Estados Unidos e pola prensa.[6][7]

Montaxe do xuízo en Dayton editar

 
O profesor protagonista do xuízo, John Thomas Scopes.

A American Civil Liberties Union (ACLU) estaba preocupada pola violación dos dereitos civís que supoñían as leis que prohibían a ensinanza da evolución promovidas por grupos relixiosos, e ofrecérase a defender a calquera que fose acusado de ensinar a teoría da evolución desafiando a Lei Butler. Coñecendo isto, o 5 de abril de 1925, George Rappleyea, director local en Dayton dunha compañía mineira, metodista partidario da evolución, que buscaba darlle publicidade á pequena localidade de Dayton, daquela con pouco máis de 1.700 habitantes, pensou que un xuízo sobre a ensinanza da evolución faría que Dayton fose o centro de atención. Arranxou unha xuntanza co superintendente de escolas do condado Walter White e o avogado local Sue K. Hicks e convenceunos do interesante que sería para Dayton montar este xuízo. O grupo pediulle a un profesor de 24 anos do instituto local chamado John T. Scopes que admitise ter explicado a evolución, para poder así montar o desexado xuízo.[8][9]

Rappleyea indicou que o estado incorría nunha contradición, porque, se ben a Lei Butler prohibía a ensinanza da evolución humana, o estado tiña como libro de texto obrigatorio un que tiña un capítulo sobre evolución, polo que aos profesores en certa medida se lles requiría que violasen a lei.[10] Scopes non recordaba se realmente explicara a evolución en clase, aínda que si chegara aos gráficos e ao capítulo na clase, pero accedeu a que se montase o xuízo.[11]

Scopes púxose de acordo cos estudantes para que testemuñasen contra el.[12] Foi imputado o 25 de maio, despois de que tres estudantes testemuñasen contra el[13] Scopes foi acusado de ter explicado o capítulo sobre evolución o 24 de abril de 1925, e foi arrestado, pero nunca chegou a estar detido, xa que Paul Patterson, propietario do xornal The Baltimore Sun, pagou a fianza de 500 dólares pedida.[14][15]

Os fiscais orixinais eran Herbert E. e Sue K. Hicks, pero finalmente actuou de fiscal Tom Stewart.[16] A World Christian Fundamentals Association chamou ao famoso avogado, devoto presbiteriano e anterior candidato á presidencia dos Estados Unidos William Jennings Bryan para que actuase representando a organización. Bryan fora orixinalmente invitado por Sue Hicks para actuar como asociado do fiscal e Bryan rapidamente aceptara.[17][18] Por tanto, o equipo da fiscalía estaba liderado polo fiscal do distrito Tom Stewart, e incluía a Herbert e Sue Hicks, Ben B. McKenzie e William Jennings Bryan.

En resposta, a defensa chamou para que a representara a Clarence Darrow, un famoso avogado agnóstico.[19] Despois de varios cambios, o equipo da defensa quedou formado por Darrow, o avogado da ACLU Arthur Garfield Hays, e o avogado Dudley Field Malone.

O xuízo foi cuberto por numerosos xornalistas, entre eles H. L. Mencken do The Baltimore Sun, que tamén pagou parte dos gastos da defensa, e que foi quen inventou a denominación periodística de "o xuízo do mono". Foi o primeiro xuízo nos Estados Unidos que foi transmitido por radio a toda a nación.[20]

Desenvolvemento do proceso xudicial editar

A ACLU inicialmente pretendía opoñerse á Lei Butler por considerar que era inconstitucional e violaba os dereitos individuais do profesor e a liberdade académica, pero despois a estratexia cambiou. Os argumentos iniciais da defensa foron que non había realmente conflito entre a relixión e a evolución (o que despois se chamaría evolución teísta). Chamou a oito expertos científicos para que testemuñasen, pero o xuíz non permitiu que testemuñasen en persoa todos e só puideron enviar declaracións escritas.[21]

O xuíz John T. Raulston foi acusado de estar inclinado a favor do fiscal e tivo frecuentes enfrontamentos con Darrow. O xuíz advertira ao xurado que non xulgaran a bondade da lei (que ía ser o foco do xuízo) senón a violación da lei.[22]

Nas últimas fases do xuízo, Clarence Darrow abandonou a estratexia orixinal da ACLU e atacou a interpretación literal da Biblia.

Bryan recriminoulle á evolución que ensinase aos nenos que os humanos eran só un tipo entre os miles de mamíferos e laiouse da noción de que os humanos descendesen de monos africanos.[23]

Malone respondeu co que se considera o discurso máis brillante do xuízo.[24] Xerando medo ante as "inquisicións", Malone argumentou que a Biblia debería ser mantida no ámbito da teoloxía e da moralidade e non nun curso de ciencias. Declarou que o "duelo a morte" de Bryan contra a evolución non debería ser unilateral, xa que o tribunal negou a presenza das testemuñas clave da defensa.[25]

O sexto día do xuízo o xuíz declarou que todos os testemuños da defensa sobre a Biblia eran irrelevantes e non deberían ser presentados ao xurado. No sétimo día a defensa adoptou a estatexia de chamar ao propio avogado Bryan para que testemuñase como experto na Biblia.[26] Preguntoulle a Bryan sobre varias cuestións do libro do Xénese nun esforzo para demostrar que a crenza na historicidade da Biblia e os seus relatos de milagros era irrazoable.[27]

A confrontación entre Bryan e Darrow durou unhas dúas horas e debía proseguir ao día seguinte, pero o xuíz Raulston anunciou que consideraba todo ese interrogatorio irrelevante para o caso e que debería ser "suprimido" da acta. Así, a Bryan tampouco se lle permitiu que interrogase aos avogados da defensa."[28]

Finalmente, Darrow dirixiuse ao xurado e dixo:

Viñéramos aquí a presentar evidencias neste caso e o tribunal mantivo que segundo a lei as evidencias que tiñamos non eran admisibles, polo que todo o que podemos facer é facer unha obxección e levalo a un tribunal superior para ver se as evidencias son admisibles ou non...nin sequera podemos explicarlles que pensamos que deberían dar un veredicto de non culpabilidade. Non sei como poderían [facelo]. Non o pedimos.

Darrow pechou o caso sen facer unha alegación de conclusións finais. Tampouco puido facelo Bryan, xa que segundo a lei de Tennessee, se non o fai a defensa tampouco pode facelo o fiscal.

Scopes nunca chegou a testemuñar no xuízo.

Despois de oito días de xuízo, o xurado tardou só nove minutos en deliberar. Scopes foi declarado culpable o 21 de xullo e condenado a pagar unha multa de 100 dólares imposta directamente polo xuíz Raulston. Finalmente o acusado, Scopes, falou por primeira vez e única no tribunal, e dixo:

Señoría, sinto que fun condenado por violar unha lei inxusta. Continuarei no futuro, como fixen no pasado, opoñéndome a esta lei de calquera forma que poida. Calquera outra acción sería en violación do meu ideal de liberdade académica, é dicir, de ensinar a verdade, como está garantido na nosa constitución, da liberdade persoal e relixiosa. Creo que a multa é inxusta. (World's Most Famous Court Trial, p. 313.)

Apelación ao Tribunal Supremo de Tennessee editar

Unha vez que Scopes foi condenado e multado no xuízo de Dayton, os avogados de Scopes apelaron ao Tribunal Supremo de Tennessee. Na súa argumentación alegaron as seguintes cuestións: (1) a vaguidade con que a lei prohibía a ensinanza da "evolución", que é un termo cun significado moi amplo e vago; (2) que a lei violaba a liberdade de expresión de Scopes ao prohibirlle ensinar a evolución; (3) que a lei violaba a constitución de Tennessee que indica que o estado "promoverá a literatura e a ciencia"; e (4) que violaba a constitución de Tennessee, xa que esta prohibía o establecemento dunha relixión de estado ("non se dará ningunha preferencia, por lei, a calquera confesión relixiosa ou modo de culto")[29].

O Tribunal rexeitou todas e cada unha das alegacións e considerou que neses aspectos a sentenza da primeira instancia era correcta. No caso máis interesante da alegación sobre o establecemento dunha relixión de estado, o Tribunal indicou o seguinte:

Non alcazamos a ver como a prohibición de ensinar a teoría de que o home descendeu dun orde inferior de animais dá preferencia a calquera confesión relixiosa ou modo de culto. Polo que sabemos, non hai ningunha confesión relixiosa ou corpo organizado que teña nos seus credos ou profesións de fe ningún artigo que negue ou afirme esa teoría. Polo que sabemos, a negación ou afirmación de tal teoría non entra en ningún modo recoñecido de culto. Como esta causa estivo pendente de resolución neste tribunal, fomos favorecidos, ademais de con informes de avogados e varios amici curiae, cunha multitude de resolucións, escritos, e comunicacións dos corpos científicos, faccións relixiosas, e individuos que nos deron o beneficio das súas visións sobre a teoría da evolución. O exame desas contribucións indica que os protestantes, católicos, e xudeus están divididos entre eles nas súas crenzas, e que non hai unanimidade entre os membros de ningunha confesión relixiosa sobre este asunto. A crenza ou non crenza na teoría non é máis característica de calquera confesión relixiosa ou modo de culto que a súa crenza ou non crenza na sabedoría das leis de prohibición. Parecería que os membros das mesmas igrexas de forma bastante xeral están en desacordo sobre estas cousas.

Ademais, o tribunal sinalou que a lei prohibía a ensinanza da evolución, pero non obrigaba á ensinanxza de ningunha outra doutrina, polo que non beneficiaba a ninguna confesión relixiosa sobre outra.

Non obstante, a pesar de que o Tribunal considerou a lei constitucional, a corte anulou de forma momentánea a condena a Scopes alegando un tecnicismo legal: o xurado era o que tiña que decidir a multa e non o xuíz como se fixera, xa que os xuíces non podían legalmente poñer multas de máis de 50 dólares (e fora multado con 100).[7]

Como era unha anulación momentánea, o xuízo podía repetirse, pero, ademais, o maxistrado Green engadiu a recomendación ao fiscal de que non procurase unha repetición do xuízo, como de feito así fixo despois o fiscal, para desgusto dos avogados de Scopes, que preferían a repetición.[30]

A Lei Butler de Tennessee foi derrogada en 1967,[31] un ano antes de que o Tribunal Supremo dos Estados Unidos ditaminase, resolvendo o caso Epperson contra Arkansas, que ese tipo de prohibicións contraviñan a Constitución dos Estados Unidos ao teren un propósito principalmente relixioso.[10]

Notas editar

  1. "Tennesse Anti-evolution Statute – UMKC School of Law". umkc.edu. Arquivado dende o orixinal o 20 de maio de 2009. Consultado o 11 de agosto de 2016. 
  2. Cotkin, George (2004) [1992]. Reluctant Modernism: American Thought and Culture, 1880–1900. Lanham, MD: Rowman & Littlefield. pp. 7–14. ISBN 978-0-7425-3746-0. Consultado o October 5, 2013. 
  3. Ferenc M. Szasz, "William B. Riley and the Fight against Teaching of Evolution in Minnesota." Minnesota History 1969 41(5): 201-216.
  4. Balmer, Randall (2007). Thy Kingdom Come. Basic Books. p.111
  5. Larson 1997, p. 59
  6. Edward J. Larson, Summer for the Gods: And America's Continuing Debate over Science And Religion (2006)
  7. 7,0 7,1 See Supreme Court of Tennessee John Thomas Scopes v. The State Arquivado 28 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine..
  8. "A Monkey on Tennessee's Back: The Scopes Trial in Dayton". Tennessee State Library and Archives. Arquivado dende o orixinal o 09 de abril de 2009. Consultado o 2011-11-13.  Arquivado 09 de abril de 2009 en Wayback Machine.
  9. The Great Monkey Trial, by L. Sprague de Camp, Doubleday, 1968
  10. 10,0 10,1 An introduction to the John Scopes (Monkey) Trial Arquivado 14 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine. by Douglas Linder. UMKC Law. Retrieved April 15, 2007.
  11. Presley, James and Scopes, John T. Center of the Storm. p. 60. New York: Holt, Rinehart and Winston. (1967)
  12. Larson 1997, p. 108 "Scopes rogou aos estudantes que testemuñasen contra el, e adestrounos nas súas respostas."
  13. Larson 1997, p. 89,107
  14. The New York Times May 26, 1925: pp. 1, 16
  15. de Camp, pp. 81–86.
  16. Larson 1997, p. 107
  17. de Camp, pp. 72–74, 79
  18. Scopes and Presley, Center of the Storm. pp. 66–67.
  19. Larson 1997, p. 101
  20. Clark, Constance Areson (2000). "Evolution for John Doe: Pictures, The Public, and the Scopes Trial Debate". Journal of American History 87 (4): 1275–1303. JSTOR 2674729. 
  21. "Evolution in Tennessee". Outlook 140 (29 July 1925), pp. 443-44.
  22. Larson, Edward J., Summer for the Gods: The Scopes Trial and America's Continuing Debate Over Science and Religion (1997), pp. 108-109. Cambridge, Mass.: Harvard University Press (1998).
  23. Scopes, John Thomas (1971). The world's most famous court trial, State of Tennessee v. John Thomas Scopes; complete stenographic report of the court test of the Tennessee anti-evolution act at Dayton, July 10 to 21, 1925, including speeches and arguments of attorneys. New York: Da Capo Press. pp. 174–78. ISBN 978-1-886363-31-1. 
  24. de Camp, p335
  25. Scopes and Presley, Center of the Storm, pp. 154–56.
  26. de Camp, p.412.
  27. Scopes, John Thomas (1971). The world's most famous court trial, State of Tennessee v. John Thomas Scopes; complete stenographic report of the court test of the Tennessee anti-evolution act at Dayton, July 10 to 21, 1925, including speeches and arguments of attorneys. New York: Da Capo Press. p. 304. ISBN 978-1-886363-31-1. 
  28. The New York Times, July 22, 1925: p. 2.
  29. A Cláusula do Establecemento do estado laico (Establishment Clause) da Primeira Emenda da Constitución dos Estados Unidos non se consideraba en 1920 aplicable aos estados (a partir de 1947 si), polo que non foi alegada. Ver: Court's opinion Arquivado 28 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine..
  30. The New York Times 16 January 1927: 1, 28.
  31. "Butler Act Repeal – Tennessee House Bill No. 48 (1967)". todayinsci.com. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar

Materiais orixinais e cobertura informativa do xuízo: