Xosé Lodeiro
Xosé Telmo Lodeiro Fernández, nado en Teis, Vigo, o 21 de outubro de 1930 e finado na mesma cidade o 30 de setembro de 1996, foi un pintor galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de outubro de 1930 Teis, España |
Morte | 30 de setembro de 1996 (65 anos) Vigo, España |
Actividade | |
Membro de | |
Traxectoria
editarA súa mocidade discorreu no barrio de Teis. En 1958 emigrou a París e despois a Suíza. Regresou a Vigo e en 1963 celebrou a súa primeira exposición no Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra. Autodidacta, partiu dun primeiro período de autodescubrimento, no que pintou paisaxes, bodegóns e a vida campesiña, pero sen deixar de indagar na obra doutros artistas nacionais e internacionais. Foi defensor da democratización ou socialización da arte, e promocionou a celebración da primeira exposición de arte ao aire libre en Vigo en 1968. O seu compromiso social, que ofrecía unha alternativa artística á ditadura, engrandeceuno como artista. Asociouse a grupos antifranquistas (Asociación Cultural de Vigo) e ás propostas de popularización da arte da Estampa Popular Galega. Presentou cadros cheos de cores estridentes, inauditos e cunha linguaxe persoal. A sobriedade das súas figuras e a peculiaridade da súa representación sobre fondos ermos ou planos multicolores, caracterizounas como un tipo de representación propia e exclusiva. Creou tamén espazos apocalípticos, aos que dotou de dimensión crítica e carácter inaccesible. A súa nova xeometría converteuse en abstracción, que conseguiu a partir da depuración de elementos emocionais, persoais e referenciais.
A mediados dos setenta mudou a súa actitude de loita contra o mundo e buscou a maneira de se relacionar con el. Así cambiou a sensación de sufrimento e temor da súa obra por algo máis intelectual e menos fácil de explicar. Foi unha nova forma de militancia na que construíu a súa propia realidade valéndose da abstracción xeométrica. En 1974 marchou a Bos Aires, onde foi acollido por Luís Seoane e retomou a paisaxe como tema único, de novo con formas abstractas.
Nos derradeiros anos da década retomou o compromiso social e durante a Transición evolucionou cara a unha vertente independentista, que deu lugar unha pintura máis fría e conceptual, exposta coa dos artistas de Atlántica. En 1982 viaxou a México, onde volveu ao xeometrismo, coa repetición de estruturas simples e bandas de cor progresivamente máis cálidas. Entre 1989 e 1990 fixo representacións de cuadrículas de múltiples formas (de inspiración organicista) e cores puras e intensas, cunha disposición reiterada pero sen aparente colocación. En 1995 apareceu As flores, derradeira serie do autor, representado monumentalmente e con extravagancia cromática, tratados para provocar temor e inquietude.
En 1994 recibiu o Premio da Crítica no apartado de Artes Plásticas.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Durán, Xosé María (1997). A obra pictórica de Xosé Lodeiro : un ensaio de aproximación pictórica. A Coruña: Espiral Maior. ISBN 84-89814-03-1.
- Pablos, Francisco (1981). Plástica Gallega (en castelán). Caja de Ahorros Municipal de Vigo. ISBN 84-7231-603-3.