Xeración beat

(Redirección desde «Xeración Beat»)

A expresión Beat Generation xorde durante unha conversación entre Jack Kerouac e John Clellon Holmes en 1948. A intención dos seus membros non era a de darlle un nome, senón "desnomeala". A finais de 1952 apareceu no New York Times Magazine un artigo de John Clellon Holmes titulado "This is the Beat Generation" que captou a atención do público.

Allen Ginsberg, Timothy Leary e John C. Lilly: escritores da Xeración Beat

O termo comezou a utilizarse de tal xeito, e sen discriminación algunha, ata o punto de que en 1959 Kerouac considerou necesario corrixir publicamente o abuso desta denominación nos medios de comunicación, onde se empregaba coas connotacións de "totalmente vencido", ou fracasado, ou no sentido de "ritmo". Jack intentou amosar o sentido correcto de "beat" suxerindo a súa relación con palabras como "beatitude" e "beatífico", conexión que se explicaba porque, nos seus ideais, o movemento beat sentíase atraído pola natureza da conciencia orientada á comprensión do pensamento oriental, de cara a prácticas de meditación etc. Esta "redefinición" que Kerouac facía do termo pretendía orientar cara a imaxes simbólicas do estilo da derrota ou escuridade necesarias, precedentes á apertura á luz e a supresión do ego que conducen á iluminación relixiosa.

Como reacción e coa intención de parodiar e desprestixiar o movemento beat, en 1958 apareceu o termo "beatnik", produto da fusión das palabras "beat" e "Sputnik", o primeiro satélite en alcanzar o espazo exterior en 1957, de fabricación rusa, suxerindo unha condición antiamericana (antiestadounidense) e comunista do movemento beat.

Allen Ginsberg, un dos seus integrantes máis famosos, observaba no prólogo do libro The Beat Book, editado por Anne Waldman e Andrew Schelling, outro posible significado: "acabado", "completo", na noite escura da alma ou na nube do non saber. E mesmo "aberto", no sentido whitmaniano de "apertura á humildade". Pero, independentemente do significado que se lle queira dar, o uso de "Beat generation" pasou a designar un movemento literario formado por un grupo de amigos que desde mediados dos anos corenta traballaran xuntos escribindo poesía e prosa, e que compartían unha idea de cultura e afeccións ou fontes de inspiración similares, como a música jazz.

O grupo inicial estaba formado por Jack Kerouac, Neal Cassady, William Burroughs, Herbert Huncke, John Clellon Holmes e Allen Ginsberg. En 1948 uníronse Carl Salomon e Philip Lamantia; en 1950, Gregory Corso; e en 1954, Lawrence Ferlinghetti e Peter Orlovsky.

Este grupo, que acabou denominándose Xeración Beat, revitalizou a escena bohemia cultural norteamericana. A súa enerxía desbordouse cara aos movementos xuvenís daquela altura (On the Road, a novela que Kerouac publicou en 1957, asumiu o carácter de manifesto universal dunha mocidade que quería fuxir do establecido) e foi absorbida pola cultura de masas e pola clase media cara a finais dos anos cincuenta e principios dos sesenta.

Os seus ideais avogan por unha arte como manifestación das texturas da conciencia. O seu canto á liberación espiritual derivou cara a unha liberación sexual, particularmente homosexual, que fixo de catalizador nos movementos de liberación da muller e dos negros. Levados por elementos como unha visión tolerante e non-teísta, o antifascismo cósmico, ou o eclecticismo, interesáronse polas substancias psicodélicas como ferramentas de coñecemento.

Centraron a súa loita en contra dos valores tradicionalistas e puritanos dos Estados Unidos, contra o "American Way of life", un repudio implícito ós valores comerciais, propoñendo para substituílo os ideais expostos por Walt Whitman en Follas de herba.

Os involuntarios membros fundadores do movemento rexeitaron abertamente a masificación e frivolización en que acabaron os beatniks. O cine especialmente, contribuíu a pór de moda unha suposta "estética beat" falsa, en que tódolos mozos bohemios vestían de negro, lucían barbas e perillas, levaban boina e pasaban o tempo en vellos cafés lendo poesía, fumando e tocando os bongós.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar