Wikipedia:Xornal da Galipedia/01-09-2010/Monicreques atrapados
A Galipedia atopa unha rede de monicreques que afecta 78 wikipedias
Ás veces as wikipedias pequenas ou medianas, como a nosa, teñen máis facilidade cás wikipedias maiores para descubrir algúns problemas. E a historia de hoxe é un bo exemplo.
A casualidade fixo que lle botásemos un ollo a un artigo creado na Galipedia e que tiña trazas de ser produto dun autobombo. Este artigo levounos a un usuario que creara tamén, tempo atrás, outro artigo sobre un tradutor austríaco. E por un erro nas edicións na Galipedia quedou descuberto que o usuario e o tradutor eran a mesma persoa.
Este usuario creara non só o artigo sobre si mesmo, senón tamén outros artigos relacionados con el: as asociacións de escritores onde participaba, unha novela súa, a editorial onde publicaba, etc.; porén, non creara ningún artigo máis e fixera pouquísimas edicións en artigos que non foran sobre el. Ademais creara unha serie de usuarios que controlaba noutras 78 wikipedias e que adoptaban o mesmo patrón de edicións, as máis das veces editando unicamente o artigo sobre el e ningún máis.
O que fixo válenos para lembrar algunhas das prácticas contrarias aos principios da Wikipedia:- non se deben crear múltiples usuarios (aínda que pode haber excepcións)
- non se deben manexar usuarios múltiples, sexan monicreques (o mesmo usuario) ou persoas interpostas (usuarios humanos que se comportan como se foses ti mesmo, e que se coñecen como meatpuppets)
- non se debe promover artigos sobre persoas, empresas ou clubs coas que un está relacionado (nin sobre un mesmo)
- non se deben facer edicións dos mesmos artigos en distintas wikipedias cun propósito promocional.
- non se debe facer lobbying en discusións e votacións, for a través de usuarios reais for de ficticios, para conseguir (neste caso) que non se lle borrase o artigo inicial na en.wiki.
O caso, comunicado ao taboleiro de administradores da Wikipedia inglesa, acabou coa intervención do usuario orixinal, recoñecendo estes erros.
- Caso exposto no taboleiro de administradores de en.wp
- Investigación de monicreques aberta como consecuencia disto