Wikipedia:Sobre Galicia/xaneiro 2022

María "Maruxa" Fandiño Ricart, nada en Santiago de Compostela o 4 de xaneiro de 1898 e finada na mesma cidade o 13 de maio de 1980, e Coralia Fandiño Ricart, nada en Santiago de Compostela o 24 de agosto de 1914 e finada na Coruña o 30 de xaneiro de 1983, foron unha parella de irmás coñecidas na súa cidade como As Marías, As dúas Marías ou, en menor medida, As dúas en punto, representadas dende 1994 nunha célebre escultura situada no parque da Alameda.

As dúas irmás eran uns populares personaxes da cidade polo feito de levar a cabo os seus paseos cotiás pola zona vella, durante as décadas de 1950 e 1960, vestidas e maquilladas dun xeito estrafalario. Estes paseos, que tiñan lugar ás dúas en punto do medio día (de aí un dos seus alcumes), eran todo un acontecemento polo contraste que supuñan co gris ambiente que reinaba durante o franquismo.