Wikipedia:Sobre Galicia/xaneiro 2013

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha institución universitaria con sede en Santiago de Compostela. As súas orixes datan de finais do século XV, sendo a primeira Universidade fundada en Galiza e a sexta en España. Porén, non hai unanimidade nas datas de fundación das universidades españolas. Uns consideran a fundación como o momento no que se instauran algún tipo de estudos, segundo este criterio a USC fúndase en 1495, o que a converte na sexta universidade española máis antiga despois das de Salamanca, Complutense, Valladolid, Barcelona e Zaragoza. Outros toman como data fundacional o ano en que é recoñecida pola Igrexa ou algunha Autoridade civil, de acordo con este criterio a USC foi fundada en 1504 pero continúa sendo a sexta máis antiga de España gañando en antigüidade á de Zaragoza mais perdéndoa coa de Valencia.