Wikipedia:Sobre Galicia/outubro 2010

O hórreo galego é un edificio de uso agrícola destinado a secar, curar e gardar o millo antes de debullalo e moelo. Consta dunha cámara de almacenaxe oblonga, estreita e permeable ao paso do aire, separada do chan para evitar a entrada de humidade e animais.

En Galicia conviven tres tipoloxías básicas de hórreo: o tipo galego (tamén chamado "galego-portugués"), o tipo asturiano e o hórreo de corres. No nordeste de Galicia e no occidente de Asturias é doado atopar hórreos do tipo galego e do tipo asturiano no mesmo lugar, aínda que con diferente denominación.