Wikipedia:Sobre Galicia/novembro 2024

A galegofobia ou galaicofobia fai referencia á aversión non xustificada cara a Galicia, cara á cultura e lingua galegas e cara ao individuo galego e a súa identidade. Malia que o termo non aparece recollido en ningún dicionario de corte académico, trátase da denominación xenérica e popular para se referir a este fenómeno tanto na prensa coma no eido social. Así, a primeira constancia que se ten do seu uso é nun artigo de prensa asinado por Villar Ponte e datado en 1916. As primeiras manifestacións de galegofobia correron a cargo de múltiples e sobranceiros literatos en lingua castelá (Miguel de Cervantes, no seu Quixote, como exemplo destacado), mais tamén é posible rastrexala na historiografía nacionalista española (cuxa figura paradigmática é Menéndez Pidal) ou mesmo nos ámbitos político e televisivo contemporáneos.

Se ben é certo que os meirandes e máis numerosos exemplos de galegofobia proceden do ámbito hispánico, tamén existiu (e segue a existir) a nivel europeo e internacional.