Wikipedia:Sobre Galicia/marzo 2023

O castelo de Mesía, ou Torre-Fortaleza de Mesía é unha fortificación de finais do século XIII ou comezo do século XIV construída á beira do río Samo na Pobra, en Bascoi no concello de Mesía. Dende o século XV, durante o Antigo Réxime, exerceuse desde este castelo a xurisdición de Mesía para o arcebispo de Santiago de Compostela.

O castelo constaba dunha torre interior amurallada, con defensas exteriores de forma poligonal, rodeada dun foxo profundo. Arestora o estado de conservación é de abandono e só se conservan parte das defensas exteriores, que son de forma redondeada, moi raras en Galicia. Con todo, nuns puntos conserva uns 18 metros de altura sobre do terreo exterior a cerca, na que se aprecian entre as ruínas os muros divisorios e a entrada do castelo. A torre da homenaxe era moito máis alta cás murallas e probablemente estivese almenada. Os muros teñen un grosor medio de 2,5 m. O groso da cerca é duns 2,60 m e é de cachotería de lousa.