Wikipedia:Sobre Galicia/marzo 2016

O Certificado de estudos de lingua galega (CELGA) é unha proba de avaliación de nivel do idioma galego. Constitúe a proba de certificación adaptada ao Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER). Os exames CELGA están organizados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, entidade dependente da Xunta de Galicia. Dita entidade, ademais de organizar periodicamente convocatorias de exame para a certificación do idioma galego, ofrece cursos formativos de preparación que, porén, non posúen validez oficial. O sistema de exame CELGA vénse realizando desde 2007, de acordo cos criterios da Association of Language Testers in Europe (ALTE), organización avaliadora dos niveis de coñecemento lingüístico.