Wikipedia:Sobre Galicia/febreiro 2022

Os birlos celtas son un xogo tradicional desenvolvido en Galicia. O mestre e escritor galego Miguel Anxo Mouriño, ten publicado que o nome patrimonial é birlos celtas, "pero a interferencia do castelán substituíu a palabra autóctona, seguramente para sempre, pola foránea de Bolos, quedando a pegada da orixinal só no nome dunha das xogadas deste deporte". Actualmente existen dúas grandes modalidades de xogos de birlos: de derribo e pasabolos. Os birlos celtas atópanse na de pasabolos, onde salienta a forza e potencia do xogador sobre toda outra destreza. Este xogo ten na comarca do Val Miñor o seu pulo histórico en Galicia, concentrando a 2016 o 70% dos xogadores con ficha na Federación Galega de Bolos. Tamén se practica de forma federada en Asturias, Cantabria e Madrid, sendo a Federación Española de Bolos quen regula este deporte a nivel estatal. Por mor da emigración, existen equipos desta modalidade no Río da Prata, con sede nas asociación de emigrantes do Val Miñor en Buenos Aires e Montevideo.