Wikipedia:Artigo destacado/agosto 2020

Supermariobros3logo.svg

Super Mario Bros. 3 é un videoxogo de plataformas de 1988 desenvolvido e publicado por Nintendo para a consola Nintendo Entertainment System (NES). É a terceira entrega oficial da serie de videoxogos Super Mario. Publicouse por primeira vez no Xapón o 23 de outubro de 1988, poucas semanas despois da publicación da versión norteamericana de Super Mario Bros. 2. A sección encargada do seu desenvolvemento foi Nintendo Entertainment Analysis and Development, liderada por Shigeru Miyamoto e Takashi Tezuka.

O xogo céntrase nas aventuras dos fontaneiros Mario e Luigi que tratan de salvar a Princesa Toadstool e os gobernantes de sete reinos distintos, secuestrados polo antagonista Bowser e os seus fillos, os Koopalings. O xogador controla a Mario ou Luigi, derrotando os inimigos que vai atopando saltando enriba deles ou empregando obxectos que lle outorgan poderes máxicos. Nesta edición Mario e Luigi teñen unha serie de habilidades máis grande que nos xogos previos da serie, incluíndo a capacidade de voar ou deslizarse por ramplas. A maiores, Super Mario Bros. 3 introduce outros novos elementos na serie, como novos personaxes inimigos e o uso dun mapa xeral como método de transición entre niveis, que reapareceron e serviron de influencia nas seguintes entregas da serie.

Super Mario Bros. 3 está considerado por moitos críticos como un dos mellores videoxogos de tódolos tempos. É o terceiro videoxogo máis vendido da NES, con máis de 17 millóns de copias vendidas en todo o mundo. A súa popularidade serviu de inspiración para unha serie de animación para a televisión, titulada The Adventures of Super Mario Bros. 3. Foi reeditado para a Super NES como parte de Super Mario All-Stars en 1993, e para a Game Boy Advance como Super Mario Advance 4: Super Mario Bros. 3 en 2003. Publicouse de novo baixo o sistema de distribución Virtual Console de Nintendo, e coma xogo gratuíto dentro do servizo Nintendo Switch Online.