Wikipedia:Artigo destacado/abril 2024

Hannah Beswick, coñecida de maneira póstuma como a momia de Manchester como a momia de Birchin Bower, nada en 1688 e finada en febreiro de 1758, foi unha muller británica adiñeirada que vivía nunha propiedade chamada Birchin Bower, situada na área de Hollinwood, en Oldham, Inglaterra. Debido aos seus antecedentes familiares, Beswick tiña un medo patolóxico a ser enterrada viva. Así, dise que antes de morrer manifestara o desexo de que o seu corpo permanecese sen sepultar, coa finalidade de verificar periodicamente a existencia de sinais de vida. Con todo, tras a súa morte en 1758, o seu corpo foi embalsamado.

A pesar de que non quedou constancia do método utilizado no embalsamamento, crese que consistiu na substitución do sangue por unha mestura de trementina e vermellón, método chamado embalsamamento arterial. O corpo foi gardado dentro dunha vella caixa de reloxo e almacenado en casa do doutor Charles White, o médico da familia. A aparente excentricidade de Beswick terminou converténdoa nunha celebridade local, especialmente polo feito de que os visitantes puidesen observala na casa de White.

Finalmente o corpo foi legado ao Museo da Sociedade de Historia Natural de Manchester, onde foi exhibido e onde recibiu o alcume de Momia de Manchester ou a momia de Birchin Bower. Posteriormente toda a colección do museo foi transferida á Universidade de Manchester e decidiuse, coa aprobación das autoridades e o bispo, enterrar a Beswick. O acto tivo lugar no cemiterio de Harpurhey o 22 de xullo de 1868, 110 anos despois da súa morte. A tumba na que xacen os seus restos carece de nome ou marca ningunha.