Wang Bi

filósofo chinés
(Redirección desde «Wang Pi»)

Wang Bi ou Wang Pi (chinés tradicional e simplificado: 王弼; pinyin: Wáng Bì; Wade-Giles: Wang2 Pi4), nado en Gaoping no 226 e finado no 249, foi un erudito chinés do período dos Tres Reinos, fundador da escola Xuanxue. Tamén é coñecido polas súas edicións comentadas do Daodejing e do Yijing, que se converteron en referencia fundamental durante os séculos seguintes.

Infotaula de personaWang Bi

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento226 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata
Juye County (Cao Wei) Editar o valor em Wikidata
Morte249 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata (22/23 anos)
Causa da mortedoenza infecciosa Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeCao Wei Editar o valor em Wikidata
RelixiónConfucianismo Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoXuanxue (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónpolítico , filósofo , escritor Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua chinesa Editar o valor em Wikidata

Traxectoria

editar

A carreira de Wang Bi foi moi curta, xa que faleceu dunha enfermidade infecciosa con tan só vinte e catro anos de idade. Natural de Gaoping, distrito de Shanyang, preto da actual Jiaozuo, ocupou un posto na corte do reino de Wei. Estivo casado e tivo unha filla. O seu avó materno, Liu Biao, foi tamén un erudito de gran sona, famoso pola súa interpretación do Yijing. Do seu pai herdou a biblioteca do bibliófilo Cai Yong.

As obras de Wang Bi tratan fundamentalmente sobre o Daodejing, o Yijing e mais o Lunyu de Confucio. Foron compiladas na Wang Bi ji jiàoshì 王弼集校釋 ("Edición anotada dos escritos de Wang Bi").

Pensamento

editar

Xuanxue

editar

Do mesmo xeito que as correntes filosóficas da época preimperial, a Xuanxue ten a súa orixe na necesidade de definir a vía correcta para gobernar nunha época de turbulencia política, neste caso derivada da división da dinastía Han. O ideal dun goberno erudito fundamentado no confucianismo tiña amosado os seus límites, polo que múltiples filosofías opostas loitaban por impoñerse entre os círculos oficiais. Os soberanos de Wei tiñan adoptado as ideas da Escola Legalista e da Escola dos Nomes. Wang Bi, pola súa banda, baseouse no daoísmo do Daodejing e mais do Zhuangzi, dos que ofreceu a súa propia interpretación. Ao mesmo tempo, defendeu os méritos do réxime imperial e da sociedade confuciana, indicando as razóns da súa decadencia e os medios para remediala. Así, os textos daoístas serven de base teórica para fundamentar os ideais confucianos.

 
Daodejing, edición de Wang Bi (Xapón, 1770)

Para Wang Bi, o inefable wu 無 ("inexistencia, o que non existe") constitúe a base de todas as cousas. Todo o que existe (you 有) nace e se desenvolve nun sistema que se atopa en harmonía, sempre que a vontade humana non perturbe os procesos naturais. Deste xeito, o wuwei ("non acción, non actuar") é a aptitude fundamental que todos debemos adoptar na nosa relación co mundo. Nesta teoría esta a base das traducións chinesas do budismo mahayana e a literatura prajnaparamita, en especial do concepto de sunyata ou baleiro, que se fixo equivalente ao wu.[1]

Malia o elevado grao de abstracción do seu pensamento, é necesario entender os conceptos que traballa no seu contexto. A harmonía de Wang Bi afecta tamén ao sistema social e político e ás súas xerarquías, onde a devandita harmonía só pode garantirse se a ambición e mais a cobiza da vontade humana, así como as mentiras do formalismo baleiro que as agochan, non interfiren no seu funcionamento. Para o goberno, o wuwei implica evitar que os desexos persoais afecten ás decisións dos administradores virtuosos e capaces. Para Wang Bi, os sabios (shengren 聖人), cuxo modelo é Confucio, son wu, non se deixan controlar polas influencias negativas.

A Xuanxue nace no contexto da filosofía posterior aos Han, no que se critican os malos administradores e a deriva formalista do confucianismo, que permitiu aos corruptos acceder ao poder. O sistema dos ritos, que supostamente conducía á harmonía social e o bo goberno, perdeu a súa reputación, polo que se propuxo no seu lugar un regreso á natureza auténtica típico do daoísmo. Wang Bi tentou reconciliar confucianismo e daoísmo nunha teoría que fai do primeiro unha expresión da natureza ou ziran, en conformidade co principio fundamental do universo. Porén, após o seu pasamento, os frecuentes cambios dinásticos e as loitas de poder fixeron diminuír o interese dos letrados pola praxe política, que constituía o obxectivo fundamental das teorías de Wang Bi. Xa que logo, os continuadores da escola Xuanxue adoitaron escoller o retiro voluntario da sociedade, centrándose nos aspectos especulativos e metafísicos, unha actitude característica dos chamados Sete Sabios da Fraga de Bambú. Nos círculos de goberno, o wuwei pasou a ser sinónimo de laissez faire, mais que concibirse como unha renuncia á manipulación da administración.

O termo xuan quere dicir "escuridade", "misterio" ou "profundidade", e procede dun verso do comezo do Daodejing que describe ao dao como "máis fondo que a profundidade mesma" ou "máis misterioso que o propio misterio". Pola súa banda, xue significa "estudo" ou "ciencia". Debido á súa síntese de diversas correntes, algúns expertos occidentais refírense á Xuanxue e escolas semellantes como neodaoísmo, por imitación do termo neoconfucianismo. Entre os seus representantes principais, están o mesmo Wang Bi, He Yan (século III), Zhong Hui (225-264) e Guo Xiang (século IV), así como os devanditos Sete Sabios, que desenvolveron un proxecto máis literario que filosófico.

Hermenéutica

editar
 
Hexagramas do Yijing

Wang Bi é famoso polos seus comentarios ao Daodejing, un dos textos fundamentais do daoísmo, e ao Yijing, un dos Cinco Clásicos do confucianismo. Na súa interpretación, subliñou a existencia dun principio común subxacente a ambas correntes de pensamento. Da súa lectura do Daodejing e o Zhuangzi, destaca a noción do "inexistente", que identifica con termos mencionados en ámbolos dous textos (como, por exemplo, "val", "escuro" ou "muller"). Segundo o filósofo, hai que esquecer o sentido aparente das palabras e atopar o seu verdadeiro significado.

Por outra banda, Wang Bi reinterpretou o Yijing, até entón entendido como unha serie de complexas instrucións para a adiviñación, como unha obra filosófica coherente na que cada elemento pode representar unha forma diferente do principio único. Neste sentido, aparece tamén a súa visión integradora de diversas escolas.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar