Voo 130 de Baikal Airlines
O voo 130 de Baikal Airlines era un servizo regular doméstico entre Irkutsk e Moscova que se esnafrou o 3 de xaneiro de 1994. O avión que operaba a ruta era un Tupolev Tu-154 da aeroliña rusa Baikal Airlines. O aparello levaba 115 pasaxeiros e 9 tripulantes de camiño a Moscova cando de súpeto un dos seus motores estourou en chamas. A tripulación intentou regresar a Irkutsk, pero perdeu o control do avión e esnafrouse contra unha explotación leiteira preto do pobo de Mamony. As 124 persoas a bordo e 1 persoa en terra morreron no accidente.
Voo 130 de Baikal Airlines | |
---|---|
Tu-154M semellante ao do accidente
| |
Resumo | |
Data | 3 de xaneiro de 1994 |
Causa | lume no voo |
Lugar | preto de Irkutsk |
Coordenadas | |
Orixe | aeroporto de Irkutsk |
Destino | Moscova-Domodedovo |
Finados | 125 |
Feridos | 1 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Tupolev Tu-154 |
Operador | Baikal Airlines |
Rexistro | RA-85656 |
Pasaxeiros | 115 |
Tripulación | 9 |
Superviventes | 0 |
Accidente
editarO voo 130 engalou do aeroporto de Irkutsk ás 11:59 hora local. O Tupolev Tu-154 estaba operado por unha tripulación de nove persoas: o capitán G.S. Padukov (con máis de 16 000 horas de voo), o copiloto A. G. Zhavoronkov (con máis de 14 000 horas), o navegante V. I. Molnar, o enxeñeiro de voo I.P. Karpov (con máis de 13 000) e cinco asistentes de voo.[1]
O voo experimentou problemas antes incluso da engalaxe. A tripulación necesitou case 17 minutos para acender os motores, e recibiron múltiples avisos de que había problemas co iniciador do motor número 2, pero ignoráronos pensando que eran falsas alarmas.[2] O manual de referencia da cabina de mando non tiña ningunha guía para a tripulación de como responder os avisos do encendido do motor. A tripulación procedeu á engalaxe sen decatarse de que o iniciador do motor número 2 aínda estaba activado.
Uns 3 minutos e 45 segundos despois de engalar de Irkutsk, a unha altura de 4 000 pés, o motor número 2 fallou de súpeto. O iniciador continuara operando a altas revolucións (unhas 40 000 rpm) coas válvulas de aire dos motores abertas, resultando nun fallo crítico do mesmo. O disco do ventilador da turbina saíu voando, enviando metralla ao motor 2. Este feito esnaquizou as liñas de combustible e hidráulicas do motor esquerdo. A subministración de combustible para os inxectores parou, o que fixo que o motor 2 se incendiase e acabase estoupando.
Despois de recibir unha alarma de lume no motor 2, a tripulación desconectou o piloto automático e aplicou todos os sistemas de extinción de lumes. Estes non foron capaces de apagar o incendio e o piloto virou cara a Irkutsk solicitando unha aterraxe de emerxencia. Os controis de voo do avión fallaron debido á falta de fluído hidráulico, e aínda que a tripulación intentou manter a presión das liñas hidráulicas, non foi capaz de evitar o accidente.[1]
Ás 12:07 hora local o copiloto Zhavoronkov informou dunha perda de control completa. Un minuto despois o voo 130, a unha velocidade de 510 km/h, esnafrouse contra unha explotación leiteira na vila de Mamony, a 15 quilómetros do aeroporto de Irkutsk. A cabina de mando e a primeira cabina de pasaxeiros quedaron esnaquizadas, e a segunda cabina de pasaxeiros e a cola foron impulsadas 400 metros máis aló do punto inicial do impacto. Os 115 pasaxeiros e 9 tripulantes a bordo morreron. A explotación leiteira quedou esnaquizada. No momento do accidente había dúas persoas no edificio, unha morreu e a outra quedou ferida e ducias de cabezas de gando tamén morreron. Das 125 persoas falecidas no desastre só 74 foron identificadas.[1]
Investigación
editarA investigación rusa revelou que durante a engalaxe do voo 130 o motor 2 do Tupolev Tu-154 fallou. Os investigadores destacaron que o avión tivera un incidente semellante durante un voo a Cantón, China, no cal o motor 2 tamén fallou. Debido ao incidente, a tripulación tivo que realizar unha aterraxe de emerxencia. Máis tarde escribiron unha reclamación posterior ao voo, na que destacaron o "traballo insatisfactorio" do motor.[1]
Durante o día do desastre, a tripulación só puido acender o motor despois do quinto intento, xa que os catro anteriores fallaran. A gravadora de voces de cabina gravou a conversa entre o capitán e a tripulación, discutindo sobre o motor. Dous minutos antes da engalaxe un dos tripulantes dixo: "Dille ao enxeñeiro que prepare os motores, xa que están pobremente preparados. Non queren encender".[1]
A catro quilómetros do aeroporto o iniciador do motor 2 "colapsou". Segundo os investigadores a destrución debeuse a obxectos externos. Un obxecto externo, presumiblemente o anaco da carcasa do colector de gas da APU que estaba situado baixo a aleta de control do iniciador, entrou no motor e cortou as liñas de combustible, as liñas hidráulicas, e as liñas de aceite. O amortecedor hermeticamente pechado da turbina do iniciador continuou o seu desenganche durante a engalaxe, o que causou o desprendimento. Engadido á operación do motor, que estaba traballando por riba das súas revolucións máximas permitidas, isto causou a destrución do motor que levou ao posterior lume e á perda de control.[1]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Катастрофа Ту-154М а/к 'Байкал' в районе Иркутска". www.airdisaster.ru. Consultado o 2018-12-20.
- ↑ Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident Tupolev Tu-154M RA-85656 Mamony". aviation-safety.net. Consultado o 2018-12-21.