Vita Cola é unha marca de bebida de cola alemá, que se consumía inicialmente na República Democrática Alemá. Nada en 1954 e comercializada dende 1958, era un dos substitutos da Coca Cola na RDA. Este refresco diferénciase doutras marcas de cola en ter un toque a limón, e un sabor menos doce que o da competencia.

Na actualidade está dispoñible en toda Alemaña, con especial incidencia no leste do país. Vita Cola está considerada como un dos símbolos da Ostalgie, sendo unha das marcas máis populares durante a RDA.

Historia editar

O 14 de outubro de 1954 patentouse unha bebida de cola presentada ás autoridades da RDA como unha "bebida de gas con sabor a froitas". Vita Cola mantiña, ao igual que Coca-Cola, unha "fórmula secreta", e a súa diferenza coa bebida de cola tradicional era que Vita-Cola engadía 50 mg de Vitamina C, dándolle á bebida un toque de sabor a limón.

A RDA deu permiso para comercializar a bebida en 1958. Ao comezo só se embotellaba en pequenas fábricas, malia que despois creceu e chegou a ter, no seu mellor momento, 200 plantas embotelladoras. Vita Cola foi, xunto con Club Cola, a principal marca de refresco de cola na República Democrática Alemá.

Cando caeu o muro de Berlín, a gran maioría de fabricas de Vita Cola pecharon e a bebida deixou de gozar do interese do público durante o período de reunificación, en favor de Coca-Cola e Pepsi, chegando incluso a deixar de comercializarse. Porén, a demanda volveu xermolar e a empresa de Turinxia Thüringer Waldquell fíxose cos dereitos, receita e nome, e volveu comercializar Vita Cola en 1994, desta vez para toda Alemaña. Na actualidade é a segunda bebida de cola máis consumida na Alemaña do Leste (sendo só superada por Coca-Cola) e nalgunhas rexións como Turinxia ocupa o primeiro posto,[1] malia que nas rexións do oeste non ten a mesma aceptación.

Vita Cola patrocinou durante varios anos o FC Hansa Rostock.

Notas editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar