Vila Winter

A vila Winter ou casa Winter está situada na localidade de Cofete, na illa canaria de Fuerteventura, fronte á cordilleira que atravesa a península de Jandía. Foi deseñada polo enxeñeiro alemán Gustav Winter, nado en 1893 na Selva Negra.[1] Winter traballou en España dende 1915 e destacouse polos seus moitos proxectos en Fuerteventura e Gran Canaria.

A vila Winter.
Vila Winter vista dende Pico de la Zarza.

A casa foi construída en 1946, presenta dous andares, soto, unha torre na parte nordés cunha vista de 360 graos e un balcón na fronte. Posúe unha estraña distribución, con grosas paredes, portas tabicadas, túneis e mesmo un búnker.[2] Foi renovada en 1985 e probabelmente esperaban facer dela un restaurante ou un hotel, algo que aínda resulta dubidoso. Dende 1997 pertence á empresa Lopesan.[1]

LendasEditar

Esta casa é obxecto de numerosos contos e lendas: unha delas conta que está construída sobre terreos que teñen exactamente a mesma forma e en proporción o mesmo tamaño que a illa. Ademais, a súa posición nestes terreos casa perfectamente coa posición real de Fuerteventura.

Díxose que serviu como base de aprovisionamento para a frota de submarinos nazis durante a Segunda Guerra Mundial, aínda que pode dicirse que iso resulta materialmente imposíbel, pola escasa profundidade das augas na zona. Esta lenda mestúrase con outras tan inverosímís, como que puido ser gozada para festas por oficiais nazis durante a guerra (realmente, a casa nunca chegou a acabarse durante o conflito) ou que (o cal sería mesmo máis razoábel) puido servir como morada dalgún alto dignatario alemán fuxido tras a contenda, ao amparo do acubillo que lle dispensarían os militares españois, aínda bastante próximos aos réximes totalitarios da época. Aínda así, non deixan de ser lendas que profundaron o encanto fantástico do lugar, rodeado dunha longa, bela e case virxe praia.

Dentro da casa hai unha habitación con desaugadoiros no chan e o que parece ser un forno crematorio, e algúns cren que era empregada como un laboratorio ou para facer operacións de cirurxía estética.[2]

Segundo algúns expertos, a torre da casa puido ser usada como un posto de vixilancia dende o cal se recibían comunicacións dos submarinos e se emitían sinais luminosos.[2]

Na literaturaEditar

Alberto Vázquez-Figueroa, na súa novela Fuerteventura (1999) relata unha historia de intriga e espionaxe durante a Segunda Guerra Mundial e que responde á lenda máis estendida sobre esta parte da illa de Fuerteventura; a casa dos Winter como casa de repouso para oficiais dos temíbeis submarinos alemáns.

Na súa novela El contenido del silencio (2011), Lucía Etxebarria relata a presunta historia da casa Winter.[3] Segundo a nota da autora, servíase de dúas fontes, pero a verdade non fica aclarada.

NotasEditar