Ameixa xaponesa

especie de molusco
(Redirección desde «Venerupis philippinarum»)
Ameixa xaponesa
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Bivalvia
Orde: Veneroida
Familia: Veneridae
Xénero: Ruditapes
Especie: R. philippinarum
Nome binomial
'Ruditapes philippinarum'
([A. Adams & Reeve, 1850)
Sinonimia

Tapes philippinarum
Ruditapes philippinarum
Venus philippinarum
Tapes japonica
Tapes semidecussata
Paphia bifurcata
Tapes quadriradiatus
Tapes violascens

A ameixa xaponesa (Ruditapes philippinarum, Adams et Reeve, 1850) é unha variedade de ameixa de alto valor comercial e interese pesqueiro, procedente, habitualmente, de parques de cultivo.

Outras formas coas que pode aparecer nomeada son: Tapes philippinarum, Tapes semidecussata, Venerupis philippinarum, Venerupis semidecussata, Venerupis japonica, Venus japonica ou Amygdala semidecussata.

Denominación

editar

A denominación comercial en Galicia é a de ameixa xaponesa [1], sendo tamén coñecida como ameixa xapónica, ameixa italiana (polas importacións que se producían ata hai pouco dese país) ou ameixa de cultivo.

  • Castela: Almeja japonesa, almeja japónica, almeja italiana, almeja de vivero.
  • Cataluña: Cloïsa
  • País Vasco: Txirla japoniarra
  • Inglés: Manila Clam, Japanese Clam.
  • Francés: Palourde japonaise, Palourde croisée japonaise, Clam Japonaise
  • Alemán: Japanische Teppichmuschel.
  • Italiano: Vongola giapponese

Morfoloxía e anatomía

editar

A cuncha presenta as estrías ben marcadas, máis que na fina. A cuncha é máis rugosa. A cor é normalmente gris escura (tamén máis escura cá ameixa fina), con variacións moi acusadas desde abrancazada ata gris mouro, dependendo do tipo e composición do substrato no que se cría. Adoita presentar manchas escuras irregulares en disposición radial. As dúas valvas poden presentar diferenzas de cor.

Os sifóns están soldados entre si ata máis da metade da súa lonxitude.

Diferenzas máis importantes coas especies semellantes:
Ameixa fina Ameixa xaponesa Ameixa babosa
Estrías finas e regulares, ben marcadas as radiais e as lonxitudinais. Estrías radiais máis marcadas, e as lonxitudinais non son apreciables na rexión media. Estrías lonxitudinais máis marcadas; pouco apreciables as radiais.
Marca de inserción do ligamento apreciable só na valva dereita. Apreciables nas dúas valvas. Pouco diferenciadas.
Cara interna da cuncha branca ou cun lixeiro ton laranxa. Marrón, violácea ou amarela. Branca, rosada ou alaranxada.
Sifóns separados en toda a súa lonxitude. Soldados na maior parte. Soldados en toda a súa lonxitude.
Dobre fila de tentáculos no bordo do sifón inhalante. Tres filas de tentáculos. Dúas filas.

Hábitat

editar

Como no caso da ameixa fina, o método de pesca adoita ser a pé, cun sacho, durante a seca, pero tamén se utiliza o rastro desde as barcas.

O talle mínimo é de 40 mm no seu eixo maior.

Caracterízase por presentar un crecemento moi rápido, o que explica que sexa a especie máis apropiada para o cultivo.

A especie é de orixe asiática, de Indonesia, estendéndose polas costas do Pacífico. Os franceses e ingleses foron quen introduciron o seu cultivo en Europa, e posteriormente estendeuse o cultivo a Italia, de onde viña a España en grandes cantidades (de aí o nome de ameixa / almeja italiana) para ser comercializada directamente ou previo paso polas nosas depuradoras. Desde hai poucos anos cultívase con profusión en Galicia.

Nas nosas rías alcanza o tamaño comercial tras dous anos de cultivo.

Aspectos sanitarios

editar

Os perigos sanitarios derivados dunha posible contaminación bacteriana procedente de verteduras fecais son semellantes ós descritos para o resto dos moluscos bivalvos, artigo ó que remitimos ó lector.

Gastronomía

editar

Trátase da especie de ameixa máis frecuente nos nosos mercados, cunhas capturas totais de 1 884 973 kg vendidos nas lonxas galegas en 2010 [1]. De prezos accesibles e boa calidade de carne, resulta moi aprezada polos consumidores. Cocíñase á mariñeira, en sopa, con arroz, con fideos ou como guarnición de pratos de peixe (pescada ou robaliza).

Resulta desgraciadamente frecuente que se mesture coa ameixa fina, máis cara, nun claro fraude ó consumidor.

  1. Resolución de 24 de marzo de 2010, da Secretaría Xeral do Mar, pola que se establece e se publica a listaxe de denominacións comerciais de especies pesqueiras e de acuicultura admitidas en España (BOE nº 82, de 5.04.2010).

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar