Considérase venda ambulante (ou venda en réxime ambulante) a actividade comercial de venda de calquera tipo de produtos realizada fóra dun establecemento permanente, é dicir, en postos instalados na vía pública que sexan desmontables ou transportables, incluíndo os camións tenda, e sempre en zonas ou lugares concretos previamente autorizados. Pode ser unha actividade continuada, periódica ou esporádica.

Venda ambulante de alimentos na feira do Corpiño (Lalín, 2007)

Características

editar

En España, esta modalidade de venda está regulada polo Real decreto 199/2010 [1]. En Galicia, polo Decreto 194/2001 [2] e a Lei 13/2010 [3] .

Non se consideran dentro da venda ambulante as feiras regradas, a venda directa do agricultor produtor (limitada ós seus propios produtos e realizada dentro do seu termo municipal ou limítrofes), a venda de obxectos de artesanía (tamén limitada á súa propia produción e realizada co gallo de feiras e festas populares), a venda de obxectos usados propiedade do vendedor nin a venda ocasional de xornais, plantas e flores.

Pode presentar diferentes modalidades:

  • Venda ambulante en mercados periódicos: realizada en espazos fixos das poboacións, cunha periodicidade preestablecida, como é o caso das feiras e mercadillos.
  • En mercados fixos: cando se realiza en espazos autorizados anexos ós mercados municipais de abastos.
  • En postos instalados na vía pública, cando o concello así o autorice en situacións e períodos determinados.
  • En mercados ocasionais, esporádicos, que teñan lugar con motivo de feiras, festas ou acontecementos populares, deportivos, relixiosos ou doutro tipo.
  • Venda ambulante mediante camións ou vehículos tenda: realizada desde vehículos especialmente adaptados a este comercio, aparcados en zonas ou lugares determinados.

Obrigas do vendedor

editar
 
Mercadillo en Bertamiráns (Ames).

Os vendedores ambulantes deberán contar coa autorización expresa do concello no que exerzan a súa actividade, para o que se lles esixe estar dados de alta e ó corrente no pagamento no imposto de actividades económicas e estar dados de alta e ó corrente no pagamento no réxime correspondente da Seguridade Social; en Galicia, ademais, estar inscrito no Rexistro de Comerciantes Ambulantes de Galicia. Non é requisito ser residente no concello. Só poderán exerce-la venda dos produtos para os que estean expresamente autorizados e nos días e lugares autorizados. Asemade, deberán cumpri-la normativa específica que lle sexa aplicable ós produtos que comercialicen.

A autorización municipal para o exercicio da venda ambulante é persoal e intransferible, aínda que pode habilitar ó titular, ó cónxuxe deste, ós seus descendentes directos maiores de 16 anos e ás persoas vinculadas a el mediante contrato laboral. O documento de autorización deberá estar exposto ó público, para coñecemento deste e dos servizos de inspección dos datos do vendedor (identidade e domicilio).

Os postos de venda e mailos camións ou vehículos tenda deberán estar construídos e mantidos de forma que garantan as necesarias condicións de seguridade e hixiene.

Competencias municipais

editar
 
Mercadillo de Ourense

O concello, que ten as competencias para autoriza-lo exercicio da venda ambulante dentro do seu termo municipal, elaborará a correspondente ordenanza municipal reguladora desta actividade. Nesta ordenanza estableceranse os lugares e datas autorizadas, fóra dos cales non se poderá exercer; os produtos autorizados ou non, as dimensións dos postos, o período de validez das autorizacións, as taxas que deban aboar e cantos aspectos consideren oportuno para regular esta modalidade de venda. Especialmente, deberán regula-los produtos alimenticios que se poidan vender en réxime ambulante, sobre os que exercerán os controis e vixilancia necesarios. Para decidir autorizar ou non a venda ambulante e establecer límites e condicións, o concello terá en conta diferentes factores como son o nivel de equipamento comercial da zona, as condicións de seguridade e hixiene, os intereses dos consumidores e a tradición da venda ambulante no lugar. Os postos de venda ambulante non se poderán instalar nos accesos a edificios de uso público, a establecementos comerciais e industriais, nin en lugares que dificulten o acceso e a circulación.

En correspondencia con esta capacidade de autorización, os concellos son os responsables da inspección e control da venda ambulante.

Os concellos que autoricen a venda ambulante ou non sedentaria dentro do seu propio termo municipal deberán vixiar e garantir o debido cumprimento polos titulares das autorizacións do preceptuado no presente real decreto e noutras normas que resulten de aplicación
Art. 7, RD 199/2010.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Decreto 194/2001, do 26 de xullo, da Consellería de Industria e Comercio, de ordenación da venda ambulante (DOG nº 161, de 21.08.2001) [4]
  • Real decreto 199/2010, de 26 de febreiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, polo que se regula o exercicio da venda ambulante ou non sedentaria (BOE nº 63, de 13.03.2010) [5].
  • Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia (DOG 249, de 29.12.2010) [6]

Ligazóns externas

editar