Vaso de precipitados

Un vaso de precipitados é un recipiente cilíndrico de vidro borosilicatado fino que se utiliza con frecuencia no laboratorio,[1][2][3] sobre todo, para preparar ou quentar substancias e traspasar líquidos. Son cilíndricos cun fondo plano; e poden ter capacidades diversas, que van desde 1 ml ata de varios litros. Normalmente son de vidro, de metal ou dalgúns tipos de plástico (especialmente polietileno, polipropileno ou politetrafluoretileno).

Vaso de precipitado, tipo Griffin.

Adoitan estar graduados, pero esta graduación é inexacta pola mesma natureza do artefacto, xa que a súa forma regular facilita que pequenas variacións na temperatura ou mesmo no material que se verte pasen desapercibidas na graduación. Non é recomendable empregalo para medir volumes de substancias, xa que é un material que se somete a cambios bruscos de temperatura, o que o descalibra e favorece que dea medidas erróneas.

 
Tipos de vasos de precipitados: A) vaso Griffin; B) vaso Berzelius; C) cristalizador.

O modelo máis frecuente é o vaso baixo (tipo A da imaxe anexa), que ten unha altura 1,4 veces superior ao seu diámetro,[4] e un bico que facilita a vertedura de líquidos sen que se produzan derrames. Habitualmente recibe o nome de vaso Griffin na honra do seu deseñador, John Joseph Griffin.

Os vasos altos (tipo B) teñen unha altura dúas veces superior ao seu diámetro, e ás veces carecen de bico. Coñécense como vaso Berzelius na honra do químico sueco Jöns Jacob Berzelius.

Os cristalizadores (tipo C) reciben tamén o nome de vasos planos, e empréganse como recipiente para realizar a cristalización dun composto a partir dunha das súas disolucións, ou para quentar ao baño maría. Estes vasos polo xeral non teñen escala graduada.

  1. Vocabulario de química : (galego-español-inglés). Santiago de Compostela: Univ. de Santiago de Compostela, Servizo de Normalización Lingüística. 2002. ISBN 9788497500203. OCLC 712588388. 
  2. Xunta de Galicia (ed.). "Vaso". digalego.xunta.gal. Arquivado dende o orixinal o 01 de abril de 2019. Consultado o 1 de abril de 2019. Vaso cilíndrico de vidro, resistente ao lume, provisto de bico e a miúdo graduado, que se emprega nos experimentos 
  3. "Comparación entre vidrios borosilicato". El blog de QuercusLab (en castelán). 2014-04-17. Consultado o 1 de abril de 2019. 
  4. "Material de vidrio para laboratorio. Vasos. (ISO 3819:2015)". Arquivado dende o orixinal o 04/03/2017. Consultado o 03/03/2017.