Vapor Príncipe de Asturias

O Príncipe de Asturias foi un gran buque correo transatlántico de vapor considerado no seu momento buque insignia da mariña mercante española, sendo propiedade da compañía de navegación Naviera Pinillos.[1] Despois de partir no que sería a súa última viaxe desde Barcelona a Buenos Aires, afundiuse preto das costas brasileiras o 5 de marzo de 1916, tras chocar contra arrecifes, transportando 600 persoas a bordo. Perdéronse 457 vidas, salvándose unicamente 143. O desastre do Príncipe de Asturias foi a maior traxedia da mariña mercante española e das ocorridas no Atlántico sur, ata que foi superada en 1919 polo afundimento en Cuba do vapor Valbanera.

Vapor Príncipe de Asturias
Historial
Tipo Transatlántico
Operador Naviera Pinillos
Botado 30 de abril de 1914
Baixa 5 de marzo de 1916
Destino afundido
Características xerais
Eslora 160 m
Manga 20 m
Puntal 10 m
Propulsión • Dúas máquinas xemelgas de cuádrupla expansión D. Rowan & Co. alternativas
• Dúas hélices

Historia

editar

A principios do século XX, en 1912, a compañía Naviera Pinillos, unha das máis importantes de España naquel momento, botou o maior barco mercante do país: o vapor correo translatlántico Infanta Isabel. Dous anos despois botouse o seu irmán xemelgo, ao que bautizaron Príncipe de Asturias. Ambos os vapores foron construídos nos estaleiros de Kingston, Inglaterra, pola Russell Co.

Coidouse moito a seguridade nos dous barcos: contaban con varios compartimentos estancos -como o Titanic-, e o casco tiña unha dobre capa en toda a súa extensión, contando con varios tanques de lastre de auga que podían encherse ou baleirarse, axustando así a estabilidade en calquera tipo de situación.

A súa viaxe inaugural realizouse o 16 de agosto de 1914.

Ademais de ser un barco potente e moderno, o Príncipe de Asturias tamén era luxoso. Posuía unha biblioteca estilo Luís XVI con andeis de madeira de caoba e asentos remachados en coiro, e desde a cuberta de primeira clase, sitio que servía de espazo de recreo, con bancos e cadeiras, podíanse apreciar coloridas vidreiras que protexían do vento. O comedor estaba decorado con paneis de carballo xaponés e marcos de nogueira. Tamén contaba cunha cúpula rematada por cristais de cores, polo que se podía gozar de luz natural durante o día.

Contaba cun salón de música ao que se accedía polo vestíbulo de entrada, onde había unha grande escalinata, con laterais e pasamáns traballados en madeira. O chan deste salón estaba decorado con alfombras persas, que se utilizaba como pista de baile. Foi construído un piano especialmente para ser tocado a bordo.

Última viaxe

editar

Ruta e escalas

editar

O buque Príncipe de Asturias partiu cara á súa última viaxe desde o peirao de Baleares, no porto de Barcelona o xoves 17 de febreiro de 1916, rumbo a Buenos Aires. A súa primeira escala foi na mañá do día seguinte na cidade de Valencia. O sábado 19 fixo escala no Porto de Almería e na madrugada do domingo 20 o barco pasaba fronte ao Cabo Trafalgar. Tamén se fixo escala o luns pola mañá en Cádiz e por último o mércores 23 en Puerto de la Luz de Gran Canaria.

Na súa última viaxe o vapor foi capitaneado por José Lotina Abrisqueta, un experto home de mar de 44 anos que levaba 15 na navieira Pinillos.

Pasaxe

editar

En canto á pasaxe, non existen, ou non se conservaron, listas oficiais de pasaxeiros e tripulación. A bordo do buque viaxaban 593 persoas.[1] Grazas á información da prensa da época coñecemos a identidade de 411 deles. A maioría da pasaxe tiña nacionalidade española ou arxentina aínda que tamén había pasaxeiros estadounidenses, peruanos e chilenos. Dos sobreviventes, 59 eran pasaxeiros e 87 tripulación.

A bordo do Príncipe de Asturias viaxaban varias persoas ilustres, como o escritor Juan Más Pi, o empresario Luís Descotte Jourdan, o industrial Francisco Chiquirrín, o diplomático Carl Friederick Deichman e o eminente xurista arxentino Pedro Nolasco Arias. Tamén cabe sinalar ao neno Juanito, fillo da por entón soada tiple María Santa Cruz.

Segundo algunhas informacións o Príncipe de Asturias transportaba 40 000 libras esterlinas en ouro, 3364 sacas de correo e un automóbil Renault 35 HP.

O cargamento máis sobresaliente que transportaba o vapor era unha obra artística notable: o Monumento á República tamén chamado Monumento dos españois. Tratábase dunha construción espectacular que incluía 20 estatuas e unha estatua ecuestre do xeneral arxentino José de San Martín. Era un agasallo da comunidade española residente na Arxentina á República Arxentina con motivo do Centenario da Independencia da Arxentina de España, declarada en 1810. O proxecto concibiuse en 1908, para estar listo en 1910, para a celebración do Centenario. A obra pasou por varias dificultades que atrasaron a súa execución. Foi encargada ao escultor catalán Agustín Querol Subirats, quen faleceu traballando nela o 14 de decembro de 1909. Continuou o traballo Cipriano Folgueras Doiztúa seguindo os bosquexos de Querol, pero este segundo artista faleceu cinco meses despois de facerse cargo do proxecto. Terminou o monumento José Montserrat Portella en maio de 1914, tras sufrir un novo atraso por unha folga nas canteiras de Carrara. En 1914 non puideron ser embarcadas cara a Buenos Aires ao ser embargadas pola familia do escultor Querol. Finalmente fixérono en febreiro de 1916, a bordo do Príncipe de Asturias, afundíndose co barco. O monumento inaugurouse en 1926 con réplicas das obras perdidas. As esculturas orixinais foron rescatadas en 1991 e están expostas no Río de Xaneiro.[2]

Colisión e afundimento

editar
 
O capitán, José Lotina, faleceu no afundimento.

Nas últimas horas do sábado 4 de marzo, o buque aproximábase ao porto de Santos na costa do Brasil, pero a climatoloxía fixo imposible que entrase no, permanecendo exposto á tormenta, próximo á costa. Na madrugada do domingo 5 de marzo, o buque atopábase ao norte da illa de Búzios. Era unha noite pechada de néboa, choiva, con mar moi picada e fortes ventos do suroeste.[1] Debido ás condicións climatolóxicas adversas e as fortes correntes, o buque achábase fóra do seu curso a escasas millas da costa. Cando a tripulación advertiu a proximidade, era tarde para reaccionar. Ás 4:15 da mañá, hora do barco, o vapor chocou contra os arrecifes de Punta Pirabura, abrindo o seu casco á altura da sala de máquinas. A entrada de auga directamente ás caldeiras provocou unha forte explosión que condenou ao buque. Ademais, a auga fervendo resultante que alagaba paulatinamente a nave, abrasou e matou a pasaxeiros e tripulantes. O vapor escorou violentamente a estribor e a proa impedindo que se lanzasen os botes salvavidas, aínda que o bote nº 1 foi parcialmente arriado. Co fallo das caldeiras interrompeuse a subministración eléctrica, polo que o radiotelegrafista, Francisco Cotanda non puido enviar sinal de socorro. Ás 4:20 da mañá unha última explosión afundiu finalmente o barco. A catástrofe ocorreu en tan só 10 minutos.

Salvamento

editar

Os sobreviventes que non foron arrastrados polo transatlántico nadaron e trataron de alcanzar a relativamente próxima costa. 452 persoas pereceron contra as rocas ou afogados no mar embravecido.[1] O adegueiro Buenaventura Rosés logrou resgardarse nun bote que quedara á boia. Recolleu a Antonio Linares, temoneiro, e a outros membros da tripulación, como o médico de a bordo Francisco Zapata. Con só este bote, grande esforzo e heroicidade, rescataron das augas a un centenar de sobreviventes, levándoos a unha praia próxima en Pedras Duras. Ás 12:00 do mediodía, o cargueiro francés Vega da Société Générale de Transports Maritimes e procedente de Salvador de Baía descubriu os restos do naufraxio, recolleu varios superviventes máis da auga e deu parte do sinistro.

O 6 de marzo o transatlántico español Patricio de Satrústegui, procedente do Río de Xaneiro, recibiu o aviso da perda do Príncipe de Asturias e acudiu á zona do afundimento para rescatar máis náufragos. Só logrou atopar 6 cadáveres.

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "La tragedia del «Titanic español», el vapor que se llevó al fondo del mar a 452 personas" (en castelán). 5 de marzo de 2016. Consultado o 8 de febreiro de 2017. 
  2. "Artículo sobre el monumento de los españoles en Buenos Aires". Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2016. Consultado o 04 de decembro de 2016. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar