Turnix melanogaster

Turnix melanogaster
Black-breasted Button-quail male inskip.JPG
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Turniciformes
Familia: Turnicidae
Xénero: 'Turnix'
Especie: ''T. melanogaster''
Nome binomial
'Turnix melanogaster'
(Gould, 1837)

Turnix melanogaster é unha especie de ave turniciforme da familia Turnicidae endémica do leste de Australia, onde vive normalmente nos bosques húmidos. Ambos os seus sexos teñen unha plumaxe con pintas na que se mesturan o negro, o branco e distintos tons de pardo, mais a femia é de maior tamaño que o macho e ten máis extensión de negro no rostro e na garganta.

TaxonomíaEditar

Foi descrito cientificamente polo ornitólogo inglés John Gould en 1837 co nome de Hemipodius melanogaster.[2] O seu nome científico provén dos termos gregos melano- «negro», e gaster «ventre».[3]

A pesar das súas semellanzas externas, non están emparentados coas paspallás. Tradicionalmente clasificábanse dentro da orde Gruiformes, pero as análises xenéticas mostraron que proceden dunha liñaxe antiga escindida de Charadriiformes.[4]

DescriciónEditar

É unha ave robusta, de hábitos principalmente terrestres e de cola curta. A súa plumaxe é principalmente veteada en negro, parda e castaña avermellada, con pintas e listas esbrancuxadas, e ten os ollos brancos. Como noutras especies de turnícidos as femias son máis grandes e teñen plumas máis rechamantes que os machos. As femias miden até 20 cm de longo e teñen o rostro e a gorxa negros, salpicados por finas pencas brancas. Os machos alcanzan até 19 cm e carecen das marcas negras da cara e da gorxa.[5]

As femias emiten un canto agudo de tipo oom.[5]

Distribución e hábitatEditar

Atópase unicamente nas rexións costeiras do leste de Australia, desde Hervey Bay en Queensland até o extremo nordés de Nova Gales do Sur. É escaso e o seu hábitat está fragmentado. Habita nas selvas húmidas e zonas próximas, ademais das plantacións de piñeiro de Baía Moreton (Araucaria cunninghamii), e as matogueiras de lantana.[6] Atópase no parque nacional Palmagrove, que por iso é identificado por BirdLife International como unha área importante para a conservación das aves.[7]

Noutro tempo era abundante en Inskip Point, preto de illa Fraser, pero sufriu a depredación dos dingos e cans salvaxes até case desaparecer.[8]

Estado de conservaciónEditar

A especie estivo clasificada como vulnerable até 2012, cando pasou á clasificación de especie case ameazada.[9] A maioría dos redutos de hábitat natural do Turnix melanogaster foron tallados e as súas poboacións atópanse fragmentadas. Estímase que a poboación é dunhas 2500 parellas reprodutoras e está en declive.[10] Clasifícase como vulnerable en Queensland.[11][12][13]

ReproduciónEditar

Os roles sexuais habituais nas aves están intercambiados. As femias son máis grandes e son de tons máis rechamantes e aparéanse con múltiples machos, aos que deixan a incubación dos ovos e o coidado dos pitos.[14] Crían unha ou dúas niñadas cada ano, e aniñan en pequenas depresións do terreo despexadas da terra e as follas caídas e recubertas con vexetación seca. Pon entre tres e catro ovos esbrancuxados agrisados brillantes salpicados de pencas ennegrecidas e violáceas, que miden 28 mm x 23 mm.[6]

NotasEditar

  1. BirdLife International (2012). "Turnix melanogaster". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 24 de agosto de 2014. 
  2. Australian Biological Resources Study (1 de maio de 2014). "Species Turnix (Austroturnix) melanogaster (Gould, 1837)". Australian Faunal Directory. Canberra, Australian Capital Territory: Department of the Environment, Water, Heritage and the Arts, Australian Government. Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2014. Consultado o 19 de agosto de 2014. 
  3. Liddell, Henry George e Robert Scott (1980). A Greek-English Lexicon (Abridged Edition). United Kingdom: Oxford University Press. ISBN 0-19-910207-4. 
  4. Paton TA, Baker AJ, Groth JG, Barrowclough GF (2003). "RAG-1 sequences resolve phylogenetic relationships within charadriiform birds" 29 (2): 268–78. PMID 13678682. doi:10.1016/S1055-7903(03)00098-8. 
  5. 5,0 5,1 Slater, Peter (1970). A Field Guide to Australian Birds:Non-passerines. Adelaide: Rigby. p. 264. ISBN 0-85179-102-6. 
  6. 6,0 6,1 Beruldsen, G (2003). Australian Birds: Their Nests and Eggs. Kenmore Hills, Qld: self. p. 212. ISBN 0-646-42798-9. 
  7. "IBA: Palmgrove". Birdata. Birds Australia. Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2011. Consultado o 13 de setembro de 2011. 
  8. "Dingoes and wild dogs blamed for quail tragedy". Fraser Coast Chronicle. 21 de febreiro de 2013. Consultado o 23 de febreiro de 2013. 
  9. "Recently recategorised species". Birdlife International (2012). Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2008. Consultado o 18 de junio de 2012. 
  10. Smyth, A.K., Pavey, C.R., 2001. Foraging by the endangered black-breasted button-quail (Turnix melanogaster) within fragmented rainforest of an agricultural landscape. Biol. Conserv. 98, 149–157. doi:10.1016/S0006-3207(00)00149-X
  11. Smyth, A.K., Young, J., 1996. Observations on the endangered Black-breasted Button-quail Turnix melanogaster breeding in the wild. Emu 96, 202–207.
  12. IUCN Redlist, n.d. Turnix melanogaster (Black-breasted Buttonquail, Black-breasted Button-quail) [WWW Document]. URL http://www.iucnredlist.org/details/22680556/0 (accessed 4.26.14a).
  13. Environment, D. of the, 2009b. National recovery plan for the black-breasted button-quail (Turnix melanogaster) [WWW Document]. URL http://www.environment.gov.au/resource/national-recovery-plan-black-breasted-button-quail-turnix-melanogaster (consultado 25.4.14).
  14. Wade P. (ed.) (1977). Every Australian Bird Illustrated. Rigby. pp. 78–79. ISBN 0-7270-0009-8. 

Véxase taménEditar