Tribunal Supremo de Pensilvania

Máxima instancia xudicial do estado de Pensilvania (Estados Unidos)

O Tribunal Supremo de Pensilvania (en inglés, Supreme Court of Pennsylvania) é a máis alta instancia xudicial do estado de Pensilvania, nos Estados Unidos. Integrado por sete maxistrados, as decisións das súas sentenzas só poden ser recorridas ante o Tribunal Supremo dos Estados Unidos. O Tribunal Supremo ten sedes en Harrisburg, capital estatal, Filadelfia e Pittsburg. É considerado como o tribunal de apelacións máis antigo dos Estados Unidos, remontándose a súa historia a 1684 cando foi fundado como Tribunal Provincial, trocando o seu nome polo actual en 1722.

Tribunal Supremo de Pensilvania
TipoTribunal supremo estatal
SedeHarrisburg, Filadelfia e Pittsburg
EnPensilvania
PaísEstados Unidos de América
40°15′51″N 76°53′01″O / 40.2643, -76.8836
editar datos en Wikidata ]

Atribucións editar

As súas facultades veñen determinadas polo artigo cinco da Constitución de Pensilvania, vixente dende 1968. Nel créase o Sistema Xudicial Unificado de Pensilvania, que integra a todos os xulgados do estado e sitúa á cabeza deles ao Tribunal Supremo, conferíndolle o "supremo poder xudicial".[1] Deste xeito:

  • O Tribunal Supremo recibe as peticións de revisión xudicial dos veredictos do Tribunal Superior (Superior Court), encargado do dereito civil e do criminal, e do Tribunal da Mancomunidade (Commonwealth Court), responsable en materia administrativa e dereito público.[2] Con todo, o Supremo fai unha selección discrecional dos casos a tratar, agás nas condenas que impliquen a pena de morte (malia a existir dende 2015 unha moratoria que suspendeu as execucións, os acusados poden ser sentenciados á pena capital) e algúns outros supostos do Tribunal da Mancomunidade, nos que obrigatoriamente ten que pronunciarse.[3]
  • Corresponde ao Tribunal Supremo de Pensilvania exercer o control de constitucionalidade das leis do estado, tal e como determinou por sentenza o propio tribunal en 1825.[4]
  • Extraordinariamente, o Supremo tamén pode asumir como propios casos que corresponden a instancias xudiciais inferiores en casos urxentes de grande importancia pública. Trátase dunha prerrogativa herdada da common law anglosaxoa (coñecida como King's bench jurisdiction) que é ostentada polo Tribunal dende 1722.[5]

Así mesmo, as súas decisións poden ser apeladas no Tribunal Supremo dos Estados Unidos.

Membros editar

Os maxistrados do Tribunal Supremo son escollidos para un mandato de 10 anos, aquel que leve máis tempo en exercicio será o presidente (en inglés, chief xustice). Entre 1874 e 1968, os membros do Supremo tiñan os mandatos máis amplos de todos os cargos públicos dos Estados Unidos, 21 anos.[6]

 
Sala de vistas do Tribunal Supremo de Pensilvania en Harrisburg.

Os membros son seleccionados mediante a súa concorrencia electoral: cada ano impar celébranse eleccións e os candidatos ao posto son presentados polos partidos políticos, sendo escollido aquel que consiga maior número de votos da cidadanía. Unha vez escollidos, os xuíces pódense presentar á reelección sen necesidade de ter o apoio dun partido. Nese caso o elector debe responder "si" ou "non" á súa continuidade na papeleta, no caso de que o escrutinio sexa negativo, o gobernador debe nomear provisoriamente a un maxistrado ata que se escolla a un novo nunhas eleccións convocadas para tal fin. Con todo, aos 75 anos débense retirar obrigatoriamente.[7]

Os maxistrados do Tribunal Supremo poden ser cesados por decisión da Asemblea Xeral de Pensilvania. Se a Cámara de Representantes observa procederes inadecuados por parte dun xuíz pode iniciar un proceso de destitución (impeachment) para que o Senado estatal cos seus votos cese ou non ao acusado.[8]

Notas editar

  1. "The Constitution of Pennsylvania". The official website for the Pennsylvania General Assembly. (en English). Consultado o 2023-08-31. 
  2. "Unified Judicial System of Pennsylvania: Learn". www.pacourts.us (en inglés). Consultado o 2023-09-01. 
  3. "Pennsylvania Governor Declares Moratorium on Death Penalty". www.americanbar.org (en inglés). Consultado o 2023-08-31. 
  4. Clinton, Robert (1987). "Eakin V. Raub: Refutation or Justification of Marbury V. Madison?". Constitutional Commentary 4: 81–92. 
  5. Scherer, Bernard F. (1994). "The Supreme Court of Pennsylvania and the Origins of King's Bench Power". Duquesne Law Review 32 (3): 535–537. 
  6. "Constitution of the Commonwealth of Pennsylvania – 1874. Article V: The Judiciary. Section 2: The Supreme Court. Tenure of judges. Chief Justice.". PA Constitution (en inglés). Consultado o 2023-08-31. 
  7. "Unified Judicial System of Pennsylvania: How Judges Are Elected". www.pacourts.us (en inglés). Consultado o 2023-08-31. 
  8. "207 Pa. Code Chapter 33. Code Of Judicial Conduct". www.pacodeandbulletin.gov. Consultado o 2023-08-31. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar