Naked Lunch

(Redirección desde «The Naked Lunch»)

Naked Lunch (ás veces The Naked Lunch) (Almorzo espido) é unha novela de William S. Burroughs publicada orixinalmente en 1959. A obra foi publicada orixinalmente co título The Naked Lunch en París en xullo de 1959 por Olympia Press. Por mor das leis estadounidenses contra a obscenidade,[1] non se publicou unha edición completa nos EUA ata 1962 (por Grove Press). Titulouse Naked Lunch e foi substancialmente diferente da edición de Olympia Press, xa que se baseaba nun manuscrito de principios de 1958 que posuía Allen Ginsberg.[2]

Naked Lunch
Autor/aWilliam S. Burroughs
OrixeFrancia
Linguainglés estadounidense e lingua inglesa
Xénero(s)ficción especulativa
EditorialOlympia Press e Grove Press
Data de pub.1959
editar datos en Wikidata ]

O artigo "the" no título nunca fora pretendido polo autor, senón engadido polos editores da edición da edición de 1959 de Olympia Press.[3] Porén, The Naked Lunch seguiu a ser o título usado para as edicións de 1968 e 1974 de Corgi Books, e a novela é coñecida normalmente polo nome alternativo, especialmente no Reino Unido, onde circularon esas edicións.

A novela foi escollida como unha das cen mellores novelas escritas en inglés entre 1923 e 2005 pola revista Time.[4]

David Cronenberg dirixiu un filme homónimo baseado na novela e noutros escritos de Burroughs en 1991.[5]

Introdución editar

O libro estrutúrase como unha serie de viñetas libremente conectadas. Burroughs afirmou que os capítulos se escribíran para ser lidos en calquera orde.[6] O lector segue a narración do toxicómano William Lee, que toma varios alcumes, dende os EUA a México, e finalmente a Tánxer e á imaxinaria Interzona. As viñetas (que Burroughs chamou "rutinas") son descritas a partir das propias experiencias de Burroughs neses lugares, e a súa adicción ás drogas (heroína, morfina, e en Tánxer, "Majoun", un forte derivado da marihuana; así como un opiáceo chamado Eukodol, do que escribiu frecuentemente).[7]

O xeito no que se escribiu a novela pode inducir o lector a ver só parte da imaxe, tanto como queira ver. Adoito, algo mencionado no libro reaparece moito despois producindo así unha serie de relacións intratextuais e ecos. Esta idea, relacionada coas diferentes perspectivas dunha imaxe meirande, é en si mesma un tema que aparece a través do libro. A mestura na novela de fantasías tabú, peculiares criaturas (como o depredador Mugwumps, quizais a referencia ao movemento político Mugwump aínda que non é claro) e personalidades excéntricas ao servizo de procesos de control e mecanismos de desenmascaramento, provocaron moita controversia. Descentralizando o argumento Burroughs produce unha serie de sátiras, parodias e caricaturas literarias ao longo da novela.

Notas editar

  1. James Campbell, Exiled in Paris. University of California Press, 2003, p. 232. ISBN 0-520-23441-3
  2. Burroughs, William S. Naked Lunch, the restored text edition, edited by James Grauerholtz and Barry Miles, 2001. Editors Notes, page 242
  3. Burroughs, William S. Naked Lunch, the restored text edition, edited by James Grauerholtz and Barry Miles, 2001. Editors Notes, page 240
  4. "Time Top 100 Novels". Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2009. Consultado o 20 de decembro de 2010. 
  5. Naked Lunch (1991)
  6. http://www.bbc.co.uk/bbcfour/audiointerviews/realmedia/burroughsw/burroughsw3.ram Arquivado 19 de decembro de 2008 en Wayback Machine. Burroughs On Cutup
  7. http://www.bbc.co.uk/bbcfour/audiointerviews/profilepages/burroughsw1.shtml Arquivado 12 de decembro de 2011 en Wayback Machine. BBC Radio interviews with Burroughs