Termas romanas de Astorga

Coordenadas: 42°27′22″N 06°03′19″O / 42.45611, -6.05528

As termas romanas de Astorga eran un conxunto de dúas construcións de Termas romanas da cidade de Astorga, as Termas Maiores e as Termas Menores.[1]

Bañeira das Termas Maiores.

Termas MaioresEditar

 
Pavimento de opus spicatum das Termas Maiores.

A edificio termal aparece mencionada nun documento de 1226 conservado no Arquivo da catedral de Astorga.[2]. En agosto de 1984, durante unhas escavacións dirixidas por Tomás Mañanes na rúa Santiago Crespo, atopáronse os restos desta construción. Nesa zona xa se atoparan restos romanos, como os achados mencionados por José María Luengo a mediados do século XX. A superficie escavada nas distintas intervencións arqueolóxicas, cobre uns 2200 m², a pesar de estar nun contexto urbano.

As Termas Maiores estaban situadas na zona central da cidade, xunto á intersección dos dous viais principais, de orientación noroeste-sueste e nordeste-suroeste). Nelas documéntanse dous momentos construtivos: unha primeira fase entre mediados do século I e mediados do século III, e unha importante remodelación do século V[3].

O complexo tiña dúas entradas polo norte e polo sur, o primeiro a través do apodyterium e o segundo por unha construción cadrada, posible vestibulum. Non hai datos sobre o abastecemento de auga ao recinto, ao igual que no resto da cidade, mais atopouse unha canalización que evacuaba as augas desde o frigidarium cara a un dos sumidoiros no lado sur do edificio[4]. Documentouse un gran frigidarium anexo a outros catro espazos, tres deles con hipocausto (cella tepidaria e dous sudatoria circulares) e un cuarto, con mosaico bícromo, interpretado como apodyterium.

Termas MenoresEditar

 
Restos dun hipocausto das Termas Menores.

As Termas Menores foron descubertas a comezos da década de 1980 nun terreo da rúa Padre Blanco, na parte sueste da cidade. Naquel momento documentáronse dous caldaria e unha canalización, pero os traballos arqueolóxicos posteriores mostraron os distintos ambientes deste complexo. Distínguense tres fases de construción: a primeira a mediados do século I, a segunda a finais do século I ou comezos do II, e a terceira a mediados do século II, cando se levou a cabo unha importante reestruturación dos espazos[5].

Presentan un bo estado de conservación, o que permitiu coñecer a función de cada un dos espazos no programa de baños: frigidarium, tepidarium, sudatorium e dous Caldarium, amais das estancias de servizo como as destinadas aos fornos ou Praefurnium. As pequenas dimensións do complexo fan pensar que foi usado por un número pequeno de persoas, cuxo acceso sería restrinxido para un determinado sector da cidade ou clientela[6].

NotasEditar

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

BibliografíaEditar

  • Alonso, Joaquín (2000). Ámbito, ed. Astorga. Ciudad Bimilenaria. Valladolid. ISBN 8481830739. 
  • Sevillano Fuertes, Mª Ángeles; Vidal Encinas, Julio Manuel (2002). Ayuntamiento de Astorga, ed. Urbs Magnífica. Una aproximación a la arqueología de Asturica Augusta. León. ISBN 9788489716773. 
  • Sevillano Fuertes, Mª Ángeles (2014). "Apuntes arqueológicos para la historia antigua de Astorga". Cuadernos (Astorga: Centro de Estudios Astorganos Marcelo Macías) (31). ISBN 9788494209512. 

Ligaźons externasEditar