Telson
O telson é a última porción do corpo dos artrópodos, non segmentada (sen metámeros), e sen apéndices, ganglios ou outras estruturas metaméricas, que pode presentar, na súa base, ventralmente, o ano (final do tubo dixestivo) e/ou espiñas ou prolongamentos terminais.[1]
O telson é unha peza ou somito, denominado ás veces somito anal,[1] que se encontra ao final do abdome de moitos artrópodos. Non se considera un verdadeiro segmento porque non está presente en estado embrionario, e é homólogo ao pixidio dos anélidos.
O telson nos diferentes grupos de artrópodos
editar- Nos trilobites forma parte do pixidio.
- Nos quelicerados, e máis concretamente nos escorpións, é a uña ou aguillón co que inxectan o veleno ás súas vítimas; está detrás dos 6 segmentos que forman o postabdome.
- E nos crustáceos forma a parte final do abdome, flanqueado polos urópodos.[1][2]
Nos crustáceos decápodos macruros, o telson é a peza central dos urópodos, e é impar. Os urópodos son a parte final do corpo dos crustáceos; están a continuación do abdome ou pleon, e normalmente son laminares ou aplanados.
O telson, xunto cos urópodos, presenta forma de abano, polo que denominan tamén abano caudal.[3] En ocasións, os urópodos poden traballar en conxunto co telson, utilizando estes apéndices para axudarse nos seus desprazamentos (natación), xa que cun movemento brusco do abdome, o telson e os urópodos, conseguen propulsárense rapidamente cara a atrás. Tamén se usan para a protección dos ovos da femia.[4]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Garrido, Carlos (1977): télson, no Dicionário terminológico quadrilíngue de Zoologia dos Invertebrados. A Corunha: Associaçom Galega da Lingua. ISBN 84-87305-12-1.
- ↑ Telson en DORIS (en francés). Consultado o 15 de marzo de 2017.
- ↑ Dean Pentscheff (ed.). "Uropod". Crustacea Glossary. Natural History Museum of Los Angeles County. Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2007. Consultado o 14 de marzo de 2012.
- ↑ Garrido, Carlos (1977): urópode, no Dicionário terminológico quadrilíngue de Zoologia dos Invertebrados.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Brusca, Richard C. & Gary J. Brusca (2003): Invertebrates 2nd ed. Sinauer Associates. ISBN 0-87893-097-3.
- Ruppert, E. E. & R. D. Barnes (1994): Invertebrate Zoology 6th ed. Saunders. ISBN 0-03-026668-8.