Papuxa paporrubia
Papuxa paporrubia Sylvia cantillans | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Sylvia cantillans (Pallas, 1764) |
A papuxa paporrubia (Sylvia cantillans) é un paxaro pequeno da familia das papuxas (Sylviidae) que cría no extremo sur de Europa e no norte de África.
Descrición
editarSon paxaros duns 12,5 cm de lonxitude. A plumaxe é distinta entre machos e femias. Nos machos o lombo e a cabeza son gris azulados, as ás e a cola de cor gris pardo, a barbadela, a gorxa e o peito son de cor avermellada. Ten un "bigote" branco. O ventre e os lados son brancos. A femia ten a cabeza máis gris, e acastañada por riba e abrancazada por debaixo. Ten un anel branco ó redor dos ollos, mentres que o macho o ten vermello.
Distribución e hábitat
editarEstá presente como ave reprodutora nas áreas máis ó sur de Europa e no noroeste de África. Nos últimos tempos aparece cada vez con máis frecuencia como visitante en zonas centroeuropeas. É unha ave migratoria, que pasa os invernos ó longo da fronteira sur do deserto do Sáhara.
Vive preferentemente en ladeiras soleadas de outeiros con vexetación de tipo mediterráneo, espiñosa e mesta Comparte este biótopo con especies da mesma familia.
Reprodución
editarCrían entre abril e os primeiros días de xuño. Fan os niños entre o mato mesto, preto do chan. Constrúenos con pallas e cascas de romeu ou doutras plantas. As paredes exteriores cóbrenas con teas de araña. Poñen no fondo un forro de pelos de animais e peluxe de orixe vexetal . A posta componse de tres ou catro ovos averdesados con pencas mais escuras, que miden uns 16,5 × 12,9 mm e pesan 1,42 g.
Ámbolos dous pais chocan os ovos de 11 a 13 días, aínda que é a femia a que pasa máis tempo incubando. Os pitos nacen sen plumas e teñen a boca vermella coa beira amarela. Os dous proxenitores encárganse da alimentación. A femia protexe os polos do mal tempo e do sol abrindo as ás por riba deles. Pasan no niño 11 ou 12 días. Se a mai comeza unha segunda posta, o macho segue alimentando só ós fillos.
Alimentación
editarÉ insectívora, pero come tamén bagas.
Taxonomía
editarParece estar relacionada coa papuxa de Sardeña (Sylvia melanocephala). Nas dúas especies os machos teñen bigotes brancos a parte superior da cabeza escura e aneis vermellos ó redor dos ollos.
Ten varias subespecies, se cadra diferenciadas dabondo para ser consideradas especies separadas. Todas teñen plumaxe diferente, cantos diferentes e son alopátricas:
- Sylvia cantillans cantillans, que cría na Italia peninsular e do noroeste, en Sicilia, sur de Francia e Península Ibérica.
- Sylvia cantillans inornata, cría no noroeste de África.
- Sylvia cantillans albistriata, cría dende o nordeste de Italia e cara ó sueste ata ó sur de Turquía.
- Sylvia cantillans moltonii, endémica de Córsega, Sardeña e as illas Baleares.
Onomástica noutras linguas
editar- Alemán: Weißbartgrasmücke
- Búlgaro: Chervenoguxo koprivarche (Червеногушо коприварче)
- Español: Curruca carrasqueña
- Finlandés: Rusorintakerttu
- Francés: Fauvette passerinette
- Inglés: Subalpine Warbler
- Noruegués: Rødstrupesanger
Notas
editar- ↑ BirdLife International (2012). "Sylvia cantillans". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro de 2013.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Papuxa paporrubia |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Papuxa paporrubia |
Bibliografía
editar- Brambilla, Mattia; Vitulano, Severino; Spina, Fernando; Bacetti, Nicola; Gargalllo, Gabriel; Fabbri, Elena; Guidali, Franca; Randi, Ettore (2008). "A molecular phylogeny of the Sylvia cantillans complex: Cryptic species within the Mediterranean basin". Molecular Phylogenetics and Evolution 48 (2): 461–472. doi:10.1016/j.ympev.2008.05.013.
- Svensson, Lars (2013). "A taxonomic revision of the Subalpine Warbler Sylvia cantillans". Bulletin of the British Ornithologists’ Club 133: 240–248.
- Svensson, Lars (2013). "Subalpine Warbler variation and taxonomy". British Birds 106 (11): 651–668.