Starshine (acrónimo de Student Tracked Atmospheric Research Satellite for Heuristic International Networking Equipment) é unha serie de satélites para estudar a densidade atmosférica.[1]

Starshine 3 antes de ser lanzado.

Características

editar

Os satélites Starshine foron deseñados polo Laboratorio de Investigación Naval dos Estados Unidos e construídos por voluntarios e varias organizacións dos Estados Unidos e o Canadá. Cada satélite ten forma esférica e vai recuberto de centos ou miles de espellos de aluminio construídos e puídos por estudantes de todo o mundo. A superficie reflectante dos satélites causan destelos visibles ao mencer e ao atardecer co ollo espido aos habitantes situados entre 60 graos de latitude norte e sur. Coas observacións feitas desde terra pódense determinar os cambios na órbita dos satélites causados pola fricción coa atmosfera superior e polo tanto a súa densidade.[2][3][4]

Starshine 1 era unha esfera de 48 cm de diámetro e 39 kg de peso recuberta de 878 dos espellos de aluminio, cada un de 2,5 cm de diámetro. Foi lanzada desde o transbordador espacial Discovery durante a misión STS-96 o 27 de maio de 1999.[2][3][4]

Starshine 2 era similar a Starshine 1, con 858 na súa superficie, pero cun sistema de gas que facía que rotara a 5 graos por segundo sobre si mesma para aumentar o número de flashes visibles desde terra. Foi posta en órbita desde o transbordador espacial Endeavour o 5 de decembro de 2001 durante a misión STS-108.[2][3][4]

Starshine 3 tiña case 1 m de diámetro, unha masa de 91 kg e ía recuberto por 1500 espellos. Levaba tamén un reflector láser na súa superficie, baterías, células solares, un transmisor de radioafeccionado e un receptor de comandos. Inicialmente o satélite rotaba a 5 graos por segundo sobre si mesmo. Foi lanzado o 30 de setembro de 2001 mediante un foguete Athena 1. Reentrou na atmosfera o 21 de xaneiro de 2003.[2][3][4]

Starshine 4 non chegou a órbita por problemas co seu foguete lanzador, un LauncherOne, mentres que Starshine 5, unha esfera de 10 cm de diámetro con 31 reflectores láser na superficie, non chegou a ser lanzada.[2][3][4]

  1. Mark Wade (2021). "Starshine" (en inglés). Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2021). Gunter's Space Page, ed. "Starshine 1, 2, 4" (en inglés). Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Gunter Dirk Krebs (2021). Gunter's Space Page, ed. "Starshine 3 (Starshine-OSCAR 43, SO 43)" (en inglés). Consultado o 5 de outubro de 2021. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Gunter Dirk Krebs (2021). Gunter's Space Page, ed. "Starshine 5" (en inglés). Consultado o 5 de outubro de 2021. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar