Spacelab foi unha serie de módulos presurizados utilizados a bordo de varias misións dos transbordadores espaciais da NASA.[1][2]

Spacelab 1 na misión STS-9.

Características

editar

Os módulos Spacelab foron deseñados pola Axencia Espacial Europea para ser usados na bodega dos transbordadores espaciais e estender as súas capacidades á hora de facer experimentos e dispoñer de espazo adicional para a tripulación. As catro partes principais dos módulos Spacelab eran o módulo presurizado, un ou máis palets para expoñer equipamento e materiais ao espazo, un túnel para acceder ao módulo desde a cabina do transbordador e un subsistema para o apuntado de instrumentos. O módulo presurizado podía ter dous segmentos: o principal, usado sempre, e o segmento de experimentos, equipado cun laboratorio e armarios para experimentos, usado ou non segundo as necesidades da misión. Cada segmento era un cilindro de 4,12 m de diámetro máxima e 2,74 m de lonxitude, que unidos mediante o sistema de acoplamento daba unha lonxitude total de 7,0 m. Os módulos instalábanse na parte posterior da bodega (de aí a necesidade do túnel) para manter o centro de gravidade do transbordador dentro dos límites permitidos.[1][2]

Spacelab-1

editar

O primeiro módulo Spacelab voou durante a misión STS-9.[1][2] Era novembro do ano 1983 e tivo un funcionamento de 10 días, marcando o comezo das misións espaciais da ESA.[3] No mesmo lanzamento tamén participou Ulf Merbold, primeiro astronauta da ESA.

  1. 1,0 1,1 1,2 Mark Wade (2021). "Spacelab" (en inglés). Consultado o 10 de setembro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Gunter Dirk Krebs (2021). Gunter's Space Page, ed. "Shuttle" (en inglés). Consultado o 10 de setembro de 2021. 
  3. "Spacelab-1: 40 years on". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2023-11-16. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar