Sindicato OTRAS

O sindicato OTRAS (acrónimo de "Organización de TRAbajadoras Sexuales"; en galego, "Organización de TRAballadoras Sexuais")[1] é un sindicato español do ramo do traballo sexual, cuxos estatutos foron invalidados en novembro de 2018 por decisión da Audiencia Nacional de España.[2] Malia esta decisión, a cal foi recorrida polo sindicato,[3] a organización continúa activa a día de hoxe, afirmando a súa secretaria xeral, Conxa Borrell, que representa a máis de 600 mulleres.[4]

Logotipo actual do sindicato OTRAS.

Ideoloxía e organigramaEditar

A Organización de Trabajadoras Sexuales declárase coma un colectivo "abolicionista de todas as formas de explotación", e "pro-dereitos": reclama os dereitos "lexítimos" desde o seu "lugar como traballadoras na estrutura desta sociedade de mercado", e apoian "unha intervención na superestrutura (simbólica) que de-constrúa a organización social e doméstica heteronormativa, binaria e androcéntrica, para introducir e normalizar as múltiples diversidades sexuais e afectivas."[5]

Declaran como valores propios a horizontalidade, a transparencia, o antiracismo, o respecto polos Dereitos Humanos e a aprendizaxe e a formación constantes, abogando por unha educación universal para favorecer e empoderar aos suxeitos vulnerábeis ás inxustizas.[5]

O sindicato OTRAS defínese coma dividido en varias seccións de actuación: a do traballo sexual de rúa, a do traballo sexual online/telefónico, a do traballo sexual independente, a do traballo sexual a terceiros, a do traballo sexual indoor, a do traballo sexual outdoor, e a do traballo sexual audiovisual.[5]

ReivindicaciónsEditar

O sindicato OTRAS entende o traballo sexual coma un intercambio consensuado de servizos sexuais entre persoas adultas, adscritas a todos os xéneros (mulleres, homes e non binarias), as cales deben ter os mesmos dereitos laborais lexítimos que os traballadores de calquera outro sector (incluíndo aqueles dereitos derivados das particularidades do traballo sexual), para o que cómpre recoñecer o dereito contractual para cos seus clientes, e para cos sus empregadores, se os houbese.[5]​ Partindo desta definición de traballo sexual, as súas principais reclamacións son as seguintes:

  • Concienciación social sobre o estigma que atravesa as vidas das traballadoras sexuais; isto é, coñecer a implicación do mesmo coma “mandato social de illamento” en todos os ámbitos relativos ao desenvolvemento persoal: vivenda, cultura, traballo, maternidades, estudos e procesos burocráticos diversos.
  • Responsabilidade política co colectivo de traballadores sexuais: isto é, entre outras cousas, rigurosidade, ética e correcto tratamento dos datos á hora de abordar campañas de concienciación sobre a trata con fins de explotación sexual.
  • Descriminalización do traballo sexual en todas as súas formas, en base a leis que aboguen polos seus dereitos laborais e humanos.
  • Recoñecemento dos suxeitos coma profesionais do sector laboral do sexo e as sexualidades, con capacidade de axencia.
  • Dotación de ferramentas para ser lexitimadas coma suxeitos políticos.[5]

Casos xurídico-laboraisEditar

En febreiro de 2019, o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid determinou nunha sentenza a existencia dunha relación laboral entre o propietario dun club de alterne e Evelyn Rochel, traballadora sexual afiliada ao Sindicato OTRAS,[6]​​​[7][8] sendo a primeira vez que isto ocorre na historia recente de España. Esta sentenza implicou o inicio dunha inspección de traballo no "Flower's", definido coma "un dos maiores bordeis de Madrid"​​.[9][10] Porén, a inspección foi paralizada até a resolución do recurso (aínda non finalizada en xuño de 2020) presentado polo bordel ante o Tribunal Supremo de España.[9][10]

NotasEditar

  1. "BOE.es - Documento BOE-B-2018-40130". www.boe.es. Consultado o 2020-06-09. 
  2. 20minutos (2018-11-21). "La Audiencia anula los estatutos del sindicato OTRAS porque las prostitutas no pueden tener contratos de trabajo". www.20minutos.es - Últimas Noticias (en castelán). Consultado o 2020-06-09. 
  3. "El sindicato Otras recurrirá el fallo y se replanteará cambiar sus estatutos". La Vanguardia (en castelán). 2018-11-21. Consultado o 2020-06-09. 
  4. "Las prostitutas feministas abucheadas del 8-M". ELMUNDO (en castelán). 2019-03-21. Consultado o 2020-06-09. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 OTRAS. "¿Qué decimos?". Sindicato OTRAS (en castelán). Consultado o 2020-06-09. 
  6. "Evelyn, la prostituta rebelde, consigue una histórica victoria contra su burdel de Madrid". El Español (en castelán). 2019-02-27. Consultado o 2020-06-09. 
  7. Igualdad. "Una prostituta consigue que un tribunal reconozca que fue trabajadora de un club porque también alternaba". eldiario.es (en castelán). Consultado o 2020-06-09. 
  8. McLaren, Shirley. "¡SENTENCIA HISTÓRICA A FAVOR DE LAS TRABAJADORAS SEXUALES!" (en castelán). Consultado o 2020-06-09. 
  9. 9,0 9,1 Periódico, El (2019-12-06). "Trabajo abre una inspección en uno de los mayores burdeles de Madrid". elperiodico (en castelán). Consultado o 2020-06-09. 
  10. 10,0 10,1 Gálvez, José María Jiménez (2019-12-06). "Trabajo activa una inspección en uno de los mayores burdeles de Madrid". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2020-06-09. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar

Outros artigosEditar