Sinapse
- Para a unión dos cromosomas na meiose ver sinapse cromosómica.
No sistema nervioso, enténdese por sinapse a unión entre unha neurona e outra célula que permite que a neurona pase un sinal eléctrico ou químico á outra célula, que pode ser outra neurona ou unha célula doutro tipo. A palabra sinapse foi acuñada por Charles Scott Sherrington no século XIX e procede do grego "synaptein" (de syn, unión, no sentido de xuntar, e haptein, apertar, unir forte).
Estrutura dunha sinapse química típica. |
---|
As sinapses son esenciais para a función neuronal: as neuronas son células especializadas en pasar os sinais a outras células, e fano por medio de sinapses. Nunha sinapse a célula que envía o sinal chámase célula presináptica e a que o recibe, célula postsináptica. A membrana plasmática da neurona que envía o sinal ou neurona presináptica, está en estreita aposición coa membrana da súa célula diana postsináptica. Na zona da sinapse tanto as membranas da célula presináptica coma as da postsináptica conteñen un amplo conxunto de maquinaria molecular que comucica as dúas membranas e leva a cabo o proceso de sinalización. Na maioría das sinapses, o elemento presináptico é un botón terminal dun axón, pero pode selo tamén nalgúns casos unha dendrita. Na membrana postsináptica adoita haber especializacións como receptores de moléculas que facilitan a transmisión do sinal.
Hai fundamentalmente dous tipos de sinapses:
- Sinapse química. Nunha sinapse química a neurona presináptica libera unha substancia química chamada neurotransmisor no espazo sináptico que separa as dúas células, o cal se une a receptores específicos situados na membrana postsináptica. A unión entre neurotransmisor e receptor afecta á célula postsináptica de diversas formas, provocándolle unha despolarización da súa membrana e a transmisión do sinal.
- Sinapse eléctrica. Nunha sinapse eléctrica as membranas da célula presináptica e postsináptica están conectadas por canles que permiten o paso directo da corrente, e causan que os cambios de voltaxe na célula presináptica induzan cambios de voltaxe na célula postsináptica, sen que se libere ningún neurotransmisor.
Bibliografía
editar- Kandel, Eric R.; James H. Schwartz, Thomas M. Jessell (2000). Principles of Neural Science (4th edition ed.). Nova York: McGraw-Hill. ISBN 0-8385-7701-6.
- Guyton, A.C.; Tratado de Fisiología Médica 6ª edición - Editorial Interamericana.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- http://www.youtube.com/watch?v=8t7I1Sl3G2k
- http://www.youtube.com/watch?v=HXx9qlJetSU&NR=1
- https://web.archive.org/web/20110809081428/http://escuela.med.puc.cl/paginas/cursos/segundo/histologia/histologiaweb/paginas/ne37022.html
- http://www.javeriana.edu.co/Facultades/Ciencias/neurobioquimica/libros/neurobioquimica/se%F1alizasinap.htm Arquivado 05 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine.