Abrir o menú principal

Santiago Genovés

antropólogo e cineasta galego
(Redirixido desde "Santiago Genovés Taragaza")

Santiago Genovés Taragaza, nado en Ourense o 31 de decembro de 1924 e finado en México o 5 de setembro de 2013[1], foi un antropólogo e cineasta galego.

Santiago Genovés
Nacemento31 de decembro de 1923
 Ourense
Falecemento5 de setembro de 2013
 Cidade de México
NacionalidadeMéxico e España
Alma máterUniversidade de Cambridge
Ocupaciónantropólogo
PremiosPremio Nacional de Ciencias y Artes
editar datos en Wikidata ]

Índice

TraxectoriaEditar

Logo de pasar un tempo coa familia nun campo de concentración en Francia[2], exiliouse en México coa súa familia ao remate da Guerra Civil. Licenciouse en Ciencias Antropolóxicas na Escola Nacional de Antropoloxía e Historia de México (1953) e realizou o doutoramento en Cambridge. Foi investigador titular da Universidade Nacional Autónoma de México e secretario xeral da división para o doutoramento en Antropoloxía (1959-64) e a vicepresidencia da Academia da Investigación Científica (1963-64). Participou na fundación da Asociación Internacional de Bioloxía Humana, a Asociación Mexicana de Xenética Humana, a Academia Mexicana de Antropoloxía Física e a Academia da Investigación Científica.

Os seus estudos centráronse na análise da violencia, da agresividade e do racismo; nas diferenzas sexuais, na determinación de idade, sexo e estatura a través de ósos humanos, tanto da época prehistórica coma da actual; na paleoantropoloxía e na evolución. Realizou máis de duascentas publicacións en revistas científicas e de divulgación e varios libros. Percorreu toda América do Sur, e a maioría dos países europeos nos que impartiu conferencias e cursos e participou en simposios e congresos.

Como cineasta é autor e codirector da película Pax? (1968), baseada no seu libro El hombre entre la guerra y la paz. Realizou dúas curtametraxes de debuxos animados, El músculo y la cultura (1968) e El mundial de la paz (1986), en colaboración con Richard Wiliams. Na serie de televisión Expedición a la violencia que produciu Televisa en 1994 expuxo parte das súas investigacións antropopsicosociolóxicas, anteriormente reunidas no libro Comportamiento y violencia (1976). Interpretou un dos papeis de En el balcón vacío de J. García Ascot (1962), relacionada co exilio español en México.

Santiago Genovés tamén é coñecido polas expedicións experimentais RA 1 e RA 2; travesías polo océano Atlántico sobre balsas de papiros que levou a cabo entre 1969 e 1970 para comprobar a posibilidade de contactos transatlánticos precolombianos. Tres anos despois, en 1973, emprendeu outra, que denominou Acali, dende África ata América, co fin de contrastar o comportamento de homes e mulleres de distintas razas, linguas, ideoloxías e culturas.

ObrasEditar

  • Diferencias sexuales en el hueso coxal (México, 1959).
  • El Oreopithecus en la evolución de los homínidos (México, 1959)
  • La proporcionalidad entre los huesos largos y su relación con la estatura en restos mesoamericanos (México, 1966)
  • El hombre entre la guerra y la paz (Barcelona, 1968)
  • El mono inquisitivo. Convivencia y comportamiento humano (Barcelona, 1973)
  • Acali (Barcelona, 1975)
  • Comportamiento y violencia (México, 1976)
  • Violencia. Una visión general (México, 1977)
  • La violencia en el País Vasco y sus relaciones con España (México, 1980)
  • Expedición a la violencia (México, 1990)
  • Sexo y violencia. Un acercamiento lento y distinto (México, 1993)

RecoñecementosEditar

Foi Premio del Consejo Internacional de la Paz en 1969 e nomeado ao Nobel en 1981. O goberno español concedeulle a Gran Cruz do Mérito Civil en 2006.

NotasEditar

  1. Necrolóxica en El País
  2. Instituo Nacional de Migración/ Centro de estudios migratorios., ed. (2010). 200 Mexicanos que nos Heredó el Mundo. Paralelo 21. p. 259. ISBN 978 607 7891 02 4. Las 200 personalidades incluidas aquí (en esta obra) destacaron por sus notables contribuciones a México. Todas ellas nacieron en el exterior y se arraigaron en el país por diversos motivos y razones....