Santiago Carro García

médico galego

Santiago Carro García, nado en Santiago de Compostela en 1889 e finado en Madrid o 24 de novembro de 1966[1], foi un médico galego.

Santiago Carro García
Nacemento1889
Lugar de nacementoSantiago de Compostela
Falecemento24 de novembro de 1966
Lugar de falecementoMadrid
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónmédico e político
IrmánsXesús Carro
PremiosGran Cruz de la Orden Civil de Sanidad
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Estudou bacharelato no Instituto de Santiago, graduándose en 1905, e despois fixo Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose en 1912 con premio extraordinario. Na súa época de estudante colaborou na revista Galicia, con artigos sobre a repoboación forestal, a pesca en Galicia, a Exposición Rexional de 1909 ou as festas do Apóstolo Santiago. Ademais, pertenceu ao Grupo Esperantista de Santiago, formando parte da xunta directiva xa en 1906[2], meses despois foi nomeado "cónsul esperantista" na cidade[3] e en 1908 publicou El idioma internacional y el esperanto (El Eco de Santiago).

Exerceu de axudante de Fisioloxía e Hixiene na súa facultade. Despois Especializouse en gastroenteroloxía no Instituto Rubio, onde foi profesor da Consulta de Vías Dixestivas, e doutorouse na Universidade de Madrid en 1914 coa tese Contribución al estudio de la atonía y dilatación atónica del estómago. Especializouse nos cancros gástricos e intestinais, as hernias diafragmáticas e na alimentación humana en xeral.

En 1917 publicou Regímenes alimenticios de las enfermedades del aparato digestivo y de la nutrición, obra premiada pola Real Academia Nacional de Medicina. En 1934 ingresou en dita academia, coa lectura do discurso El dolor gástrico en las enfermedades extragástricas. En 1929 participou nas I Xornadas Médicas Galegas, celebradas na Coruña, onde presentou o traballo “La úlcera duodenal latente” e a comunicación “Ptosis intestinal”. Foi socio do Seminario de Estudos Galegos.

Colaborou na Revista Ibero-Americana de Ciencias Médicas, en España Médica e na Revista Médica Gallega, publicación da cal pertenceu á dirección científica. Foi fundador e codirector da Revista de Higiene y Sanidad Pública, membro do comité directivo da Gaceta Médica Española e da Revista Española de Enfermedades del Aparato Digestivo y de la Nutrición, e redactor da revista Medicina.

Foi secretario xeral do Colegio Oficial de Médicos de Madrid e mais da Academia Médico-Quirúrgica Española, e presidiu a Sociedad Española de Patología Digestiva y de la Nutrición dende 1940. En 1945 ingresou na Orde Civil de Afonso X[4], e en 1952 foi nomeado procurador en Cortes polas Reais Academias[5].

Notas editar

  1. "Acto en memoria del Dr. Don Santiago Carro García". La Noche. 18 de xaneiro de 1967. p. 5. 
  2. "Crónica local". El Correo de Galicia. 29 de xaneiro de 1906. p. 2. 
  3. "Crónica Local". El Correo de Galicia. 10 de novembro de 1906. p. 2. 
  4. "Educación Nacional". El Ideal Gallego. 4 de decembro de 1945. p. 1. 
  5. "Procuradores en Cortes por las Academias Oficiales". El Correo Gallego. 26 de marzo de 1952. p. 6. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar