Santa Fe de Novo México

Coordenadas: 35°40′00″N 105°57′54″O / 35.66667, -105.96500

Santa Fe de Novo México foi unha provincia da Nova España, e máis tarde de México, que existiu desde finais do século XVI até mediados do século XIX. Estaba centrada no val superior do río Grande (ou río Bravo do Norte) nunha zona que incluía a maior parte do actual estado dos Estados Unidos de Novo México. As súas fronteiras variaron co tempo, estendéndose polo oeste do actual estado de Texas, polo sur de Colorado, o suroeste de Kansas e polo Panhandle de Oklahoma, aínda que os asentamentos actuais estaban en torno á súa capital durante toda a súa existencia, salvo nos aos iniciais, Santa Fe.

Localización do territorio de Novo México (desde 1821), que se corresponde coa antiga provincia de Santa Fe de Nuevo México

A provincia foi fundada en 1598 por Juan de Oñate durante a súa expedición, autorizada por Filipe II, cara ao norte da Nova España. Oñate estableceu un asentamento preto de Pueblo de San Juan. Os españois crían que cidades de ouro, como as dos aztecas que conquistaran previamente, encontrábanse ao norte, no territorio inexplorado. Oñate foi incapaz de encontrar tales cidades, pero aínda así embarcouse na conquista dos asentamentos urbanizados dos indios pueblo. Máis tarde converteise no primeiro gobernador da provincia. Oñate esperaba que a provincia se convertera nun vicerreinado separado do da Nova España, pero non tivo éxito.

Os españois foron expulsados do territorio durante 12 anos despois da Rebelión Pueblo de 1680, pero regresaron en 1692 na sanguenta reocupación de Santa Fe por Diego de Vargas.

A provincia estaba baixo a xurisdición da Real Audiencia de Guadalajara, coa supervisión do vicerrei da Nova España. En 1777 coa creación da Comandancia General das Provincias Internas, a provincia foi retirada da competencia do vicerrei e colocouse exclusivamente baixo a do Comandante Xeneral.

A provincia mantívose baixo control español até a declaración da independencia de México en 1821. Baixo a Constitución Federal dos Estados Unidos Mexicanos de 1824 converteuse no Territorio de Novo México, baixo administración federal.​[1]

A zona da antiga provincia ao leste do río Grande foi reclamada pola República de Texas despois de 1836, unha demanda que foi disputada por México. En 1841, os texanos enviaron unha expedición, a chamada "Expedición Texas Santa Fe", supostamente comercial, pero coa esperanza de ocupar a zona reclamada, pero a expedición foi capturada por tropas mexicanas.​[2]

Os Estados Unidos herdaron a reclamación non executada da beira oriental coa anexión de Texas. O exército dos Estados Unidos, baixo o mando de Stephen Kearny ocupou o territorio en 1846 na Intervención estadounidense en México e este último recoñeceu a súa derrota e perda ante os EUA en 1848 coa cesión mexicana. Texas continuou reclamando a parte oriental, pero nunca tivo éxito en establecer o control, excepto na cidade de El Paso. No Compromiso de 1850 renunciou a súa reclamación das áreas do actual Novo México. En 1849, o presidente Zachary Taylor propuxo que Novo México se convertese inmediatamente nun estado para evitar as políticas sobre a escravitude nos territorios, pero só se converteu en estado en xaneiro de 1912.

Notas editar

  1. "Constitución federal de los Estados Unidos Mexicanos (octubre 4 de 1824)". 500 años de México en documentos. Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2018. Consultado o 11 de febreiro de 2012. 
  2. H. Bailey Carroll, "TEXAN SANTA FE EXPEDITION," Handbook of Texas Online (http://www.tshaonline.org/handbook/online/articles/qyt03), Consultada o 11 de febreiro de 2020. Published by the Texas State Historical Association.