Riff-Raff (filme)

filme de 1991 dirixido por Ken Loach

Riff-Raff é unha película británica de 1991 dirixida por Ken Loach, protagonizada por Robert Carlyle e Ricky Tomlinson (este último actúa como un obreiro da construción, profesión que tivo na súa vida real). Gañou o premio á Mellor Película Europea de 1991.

Riff-Raff
Ficha técnica
DirectorKen Loach
ProdutorSally Hibbin
GuiónBill Jesse
IntérpretesRobert Carlyle, Emer McCourt, Ricky Tomlinson, Jimmy Coleman, Peter Mullan
MúsicaStewart Copeland
FotografíaBarry Ackroyd
MontaxeJonathan Morris
DistribuidoraParrallax Pictures
Estrea21 de xuño de 1991
Duración95 minutos
OrixeInglaterra Inglaterra
Na rede
IMDB: tt0100491 Filmaffinity: 722904 Allocine: 6756 Rottentomatoes: m/riff_raff_1991 Mojo: riffraff Allmovie: v133155 TCM: 88283 Editar o valor em Wikidata

Como a maioría das obras de Loach, Riff-Raff é un retrato da Gran Bretaña moderna. Presenta o personaxe de Stevie, interpretado por Robert Carlyle, un home de Glasgow que ligo de saír de prisión mudouse a Londres e conseguiu un traballo na construción duns apartamentos de luxo no edificio que antes era un hospital.

Trama editar

Patrick "Stevie" Logan vai a Londres sen ter aínda domicilio e procura emprego nun edificio en construción. Ao saber que non ten vivenda, os seus novos compañeiros de traballo Larry, Mo e Shem ofrécense voluntarios para atoparlle un piso baleiro nuns apartamentos próximos para ocupalo. Stevie coñece a Susan (Emer McCourt), que intenta ser actriz e cantante, cando atopa o seu bolso e llo devolve. Este encontro casual lévaos a unha relación turbulenta.

Stevie convence algúns dos compañeiros de traballo para apoiar a Susan nun dos seus concertos nun pub onde canta "Always On My Mind". O público é inicialmente hostil, pero Larry repróchalles os seus apupos e anímaos a chamar de novo por Susan para que cante outra peza, e ela decídese por "With A Little Help From My Friends", que é ben recibida. Susan múdase ao piso de Stevie, onde están felices por un tempo.

Na construción do edificio a vida segue cunha serie de pequenas aventuras e delitos menores. Larry adoita dar os seus puntos de vista de obreiro de esquerdas, en oposición a Margaret Thatcher e o gobernante Partido Conservador, mais ninguén comparte a súa visión de que a política é importante para a súa vida diaria, e apenas están algo interesados nas súas condicións de seguridade laboral. Mentres tanto, o encargado bota homes do traballo por mal comportamento.

A relación de Stevie e Susan vólvese tensa. Susan tende a ter emocións negativas por mor da falta de éxito na súa carreira. Stevie, por outra banda, pode chegar a ser cruel e insensible con ela. Despois de escoitar o seu nome na radio Stevie descobre que a súa nai morreu, así que vai ao seu funeral, en Escocia. Na súa ausencia, Susan comeza a inxectarse heroína, proporcionada por uns mozos que viven no bloque de apartamentos. Isto precipita o final da súa relación e a marcha repentina de Susan.

Larry é despedido do lugar despois de pedir condicións de traballo máis seguras. Logo de bromear facendo unha chamada de teléfono cara no teléfono móbil do xefe, Shem tamén é despedido, e posteriormente arrestado por agresión ao encargado. Desmonde, outro traballador da construción, esbara no tellado do edificio, e malia que Stevie e Mo loitan por salvalo, cae ao chan e queda gravemente ferido. A causa do accidente son as estadas precarias, sobre as cales os homes xa avisaran. Stevie e Mo regresan ao edificio de noite e préndenlle lume.

Actores editar

  • Robert Carlyle como Patrick 'Stevie' Logan
  • Emer McCourt como Susan
  • Ricky Tomlinson como Larry
  • Jimmy Coleman como Shem
  • George Moss como Mo
  • Ade Sapara como Fiaman
  • Derek Young como Desmonde