Retrato de cardeal

pintura de Rafael

Retrato de cardeal (en italiano: Ritratto di cardinale) ou O cardeal, é unha das obras máis coñecidas do pintor italiano Rafael Sanzio. É un óleo sobre táboa, pintado cara ó ano 1510. Mide 79 cm de alto e 61 cm de ancho. Consérvase no Museo do Prado de Madrid.

Retrato de cardeal
ArtistaRafael
Data1510
Técnicaóleo sobre táboa
Dimensións79 cm × 61 cm
LocalizaciónMuseo do Prado (Madrid)

Foi pintado durante o papado de Xulio II, cando Rafael gozaba de grande éxito, realizando retratos dos diversos membros da curia. A identidade exacta do personaxe permanece anónima, aínda que se avanzaron diversas hipóteses.

É un retrato de composición sobria pero moi meditada. O retratado amósase de medio corpo, coas súas roupas de cardeal representadas polo miúdo, con gran realismo, en particular a seda da muceta, con brillos tornasolados. A posición do brazo, como apoiado no pomo dunha cadeira de brazos que non se ve, dá maior solidez ó deseño: o branco do tecido subliña o vermello da seda, e a man avanza cara ó espectador en escorzo, axudando ó efecto de profundidade. O rostro amosa unha personalidade reflexiva e reservada, cunha gran seguridade en si mesmo; «a mirada resulta un tanto profunda e, a pesar da dureza que tenta transmitir, posúe certos trazos afables».[1] Detéctanse retoques na posición dos ollos; raios X desvelaron que o cabelo era inicialmente máis longo e que Rafael modificouno. A cor predominante é o vermello do vestido que destaca sobre fondo escuro, case negro. Da mesma cor é o birrete do cardeal.

Notas editar

  1. Museos del Mundo, pág. 145.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Cirlot, L. (dir.), Museo del Prado II, Col. «Museos del Mundo», Tomo 7, Espasa, 2007. ISBN 978-84-674-3810-9, pág. 145
  • Monreal, L., Grandes Museos, Vol. 1, Planeta, 1975. ISBN 84-320-0460-X (obra completa)
  • Olivar, M., Cien obras maestras de la pintura, Biblioteca Básica Salvat, 1971. ISBN 84-345-7215-X