Republic F-105 Thunderchief

cazabombardeiro supersónico usado pola Forza Aérea dos Estados Unidos

O Republic F-105 Thunderchief foi un cazabombardeiro supersónico usado pola Forza Aérea dos Estados Unidos. Con capacidade de acadar velocidades de Mach 2, o F-105 realizou a meirande parte dos ataques de bombardeo durante os primeiros anos da Guerra do Vietnam; era o único avión estadounidense en ser retirado do combate debido ás súas altas perdas. Orixinalmente foi deseñado como un avión de ataque nuclear monopraza, e posteriormente foi desenvolvida unha versión bipraza Wild Weasel para a supresión das defensas aéreas inimigas. O F-105 foi comunmente coñecido como "Thud" polas súas tripulacións.

Republic F-105 Thunderchief
Tipocazabombardeiro
FabricanteRepublic Aviation
Primeiro voo22 de outubro de 1955
Introducido27 de maio de 1958
Retirado25 de febreiro de 1984
Principais usuariosUSAF
Unidades construídas833

Como continuador do F-100, o F-105 tamén foi armado con mísiles e un canón; porén, o seu deseño adaptábase á penetración a baixa altura e alta velocidade portando internamente unha única arma nuclear. O seu primeiro voo foi en 1955 e entrou en servizo en 1958. O F-105 podía levar unha maior carga de bombas que os grandes bombardeiros estratéxicos da segunda guerra mundial, como o B-17 Flying Fortress e o B-24 Liberator. O F-105 foi un dos principais cazabombardeiros da Guerra do Vietnam; realizáronse ao redor de 20.000 saídas co Thunderchief, con 382 avións perdidos (case a metade dos 833 producidos), incluídas 62 perdas operacionais. Aínda que era menos áxil que os máis pequenos cazas MiG, os F-105 da USAF foron acreditados con 27,5 derrubamentos.

Durante a guerra, o monopraza F-105D foi o principal avión con bombas pesadas usado contra diversos obxectivos militares. Mentres tanto, os biprazas F-105F e F-105G Wild Weasel convertéronse nas primeiras plataformas adicadas á supresión de defensas aéreas inimigas, loitando contra os mísiles terra-aire de fabricación soviética S-75 Dvina. Dous pilotos de Wild Weasel foron premiados coa Medalla de Honra por atacar localizacións norvietnamitas de mísiles terra-aire, co derrubamento de dous MiG-17 o mesmo día. As perigosas misións acotío requirían deles ser "os primeiros en entrar e o últimos en saír", encargándose da supresión das defensas aéreas mentres os avións de ataque remataban as súas misións e deixaban a zona.

O Thunderchief foi o avión de combate monopraza dun só motor máis grande da historia, cun peso duns 23.000 kg. Podía superar a velocidade do son ao nivel do mar e acadar Mach 2 a grande altura, e podía cargar máis de 6.400 kg de bombas e mísiles. O Thunderchief foi substituído como avión de ataque sobre Vietnam do Norte polo McDonnell Douglas F-4 Phantom II e o General Dynamics F-111 Aardvark. Porén, as variantes Wild Weasel do F-105 permaneceron en servizo ata 1984, cando foron substituídas polo especializado F-4G "Wild Weasel V".