Renaldo Lopes da Cruz

futbolista brasileiro

Renaldo Lopes da Cruz, coñecido simplemente como Renaldo, nado o 19 de marzo de 1970 en Cotegipe (Baía), é un exfutbolista brasileiro, que xogaba como dianteiro. Militou en 24 clubs, a gran maioría deles brasileiros, e destacou especialmente no Atlético Mineiro e no Paraná. Fóra do seu país xogou tamén en España, onde vestiu as camisetas do Deportivo da Coruña, Las Palmas, Lleida e Extremadura, e en Corea do Sur, nas filas do FC Seoul.

Renaldo
Información persoal
Nome Renaldo Lopes da Cruz
Nacemento 19 de marzo de 1970 (54 anos)
Lugar de nacemento Cotegipe
Altura 1,71 m.
Posición Dianteiro
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1990 Gama
1991–1993 Guará
1991–1993 Atlético Paranaense 12 (5)
1993–1996 Atlético Mineiro 116 (59)
1996–2000 Deportivo da Coruña 23 (5)
1997–1998Corinthians (cedido) 11 (1)
1998–2000Las Palmas (cedido) 50 (14)
2000–2001 Lleida 17 (8)
2001–2002 Extremadura 15 (1)
2003 América Mineiro 18 (5)
2003 Atlético Mineiro 20 (5)
2003 Paraná 43 (30)
2004 Seoul 11 (1)
2004 Palmeiras 12 (0)
2005 Paraná 6 (1)
2005 Coritiba 21 (4)
2006 Náutico
2006 Brasiliense
2006 Vitória-ES
2007 Ceilândia
2008 Democrata
2009 Capital DF
2010 Dom Pedro
2010 Serrano
2011 Capital DF
2011 Itaúna
2011–2012 Vilavelhense
Selección nacional
1996 Brasil 1 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Foi internacional coa selección brasileira nunha ocasión, en 1996.

Traxectoria editar

Comezos editar

Comezou a súa carreira futbolística no Gama en 1990, e tras pasar brevemente polo Guará, recalou no Atlético Paranaense. No Campionato Paranaense de 1992 acabou como o segundo máximo goleador do torneo, con 12 goles, dous menos que o artilleiro Saulo.

Atlético Mineiro editar

En 1993 fichou polo Atlético Mineiro, club no que viviu a súa mellor etapa deportiva, a pesar de tardar máis dun ano en conseguir o seu primeiro gol.[1][2] En 1995 os seus goles guiaron o equipo de Belo Horizonte á conquista do Campionato Mineiro, do que Renaldo foi o máximo anotador, con 13 tantos, e ao ano seguinte proclamouse máximo goleador do Campionato Brasileiro, empatado a 16 dianas co xogador do Grêmio Paulo Nunes. As súas actuacións no Mineirão abríronlle as portas da selección brasileira e do fútbol europeo, ao que chegou en 1996 como nova fichaxe do Deportivo da Coruña, que pagou 360 millóns de pesetas polo seu traspaso.[3]

Chegou á Coruña en outubro de 1996 para asinar contrato co Deportivo, e tras ser preguntado polos xornalistas polas súas calidades, definiuse a si mesmo como unha "mestura entre Ronaldo e Bebeto".[4] A continuación regresou a Minas Xerais, onde continuou xogando ata o final da tempada. Deixou o Atlético Mineiro cun balance de 183 partidos e 79 goles,[1] sete deles conseguidos no chamado "Clásico Mineiro" contra o Cruzeiro.[2]

Deportivo da Coruña editar

Incorporouse ao Deportivo da Coruña a finais de decembro de 1996 e no club galego coincidiu cos seus compatriotas Rivaldo, Donato, Mauro Silva e Flávio Conceição. Debutou na Primeira División o 4 de xaneiro de 1997, fronte ao FC Barcelona en Riazor, sendo aliñado por Toshack como titular.[5] Marcou o seu primeiro gol coa camiseta braquiazul dúas semanas despois, na vitoria por 2-0 sobre o Sevilla na Copa do Rei.

Na xornada 23 de liga, anotou un dos dous goles coruñeses no empate a dous do derbi contra o Celta de Vigo en Riazor e un mes despois fixo dous goles diante do Oviedo. Con todo, o seu rendemento non estivo á altura das expectativas creadas, ao que se sumaron os seus problemas persoais: cando chegou ao Deportivo deixou no Brasil ao seu fillo gravemente enfermo, e aínda que o rapaz se recuperou, Renaldo sufriu en poucas semanas as mortes de súa nai primeiro e seu pai despois, este último despois de varias semanas en coma.[6] Pechou a tempada cun total de 27 partidos e 6 goles.

Cesións ao Corinthians e Las Palmas editar

En agosto foi cedido ao Corinthians, co que disputou o Campionato Brasileiro de 1997, xogando 11 partidos e marcando un gol ante o América de Natal. Disputou tamén a Copa do Brasil de 1998, pero apenas contou coa confianza do entón adestrador alvinegro Vanderlei Luxemburgo.[7]

Para a tempada 1998/99 o Deportivo cedeuno ao Las Palmas, da Segunda División, onde recuperou as súas habilidades goleadoras, convertendo 13 tantos en 36 partidos. A súa cesión estendeuse á campaña 1999/00, na que ás ordes de Sergije Krešić, o equipo canario se proclamou campión de Segunda, logrando o ascenso á Primeira División.[8]

Lleida e Extremadura editar

Ao remate da tempada deixou as Illas Canarias e estivo varios meses sen equipo, aínda que tiña contrato en vigor co Deportivo, que non contaba con el. Adestrouse co Inter de Limeira e en xaneiro de 2001 chegou a un acordo co Deportivo para rescindir o seu contrato e asinar como novo xogador do Lleida.[9] Marcou 8 goles en 17 partidos, pero foi insuficiente para salvar o equipo do descenso a Segunda B. Na seguinte tempada xogou no Extremadura, co que disputou 16 partidos en catro meses.

Regreso ao Brasil editar

En xaneiro de 2002, o xogador do Real Madrid e antigo compañeiro seu no Deportivo da Coruña, Flávio Conceição pagou ao Extremadura a cláusula de rescisión de Renaldo, para que este puidese regresar ao Brasil.[10] Alí pasou primeiramente polo América Mineiro e o Atlético Mineiro, e na tempada 2003 viviu o seu último gran momento como futbolista, cando vestindo a camisola do Paraná anotou 30 goles no Campionato Brasileiro, sendo o segundo máximo goleador da competición, cunha diana menos que Dimba, do Goiás.[11]

Últimos anos editar

Tras unha breve incursión no fútbol surcoreano, nas filas do FC Seoul, pasou por máis dunha ducia de equipos brasileiros (Palmeiras, Paraná, Coritiba, Náutico, Brasiliense, Vitória de Espírito Santo, Ceilândia, Democrata, Capital DF, Dom Pedro, Serrano, Itaúna e Vilavelhense.[12][13] Retirouse no 2012, con 41 anos de idade, e despois de ter vestido a camiseta de 24 clubs diferentes.

Selección brasileira editar

Foi internacional coa selección brasileira nunha ocasión, nun partido amigable contra o Camerún o 13 de novembro de 1996. O seleccionador Mário Zagallo fíxoo debutar na segunda parte, saltando ao terreo de xogo no lugar de Giovanni.[14]

Palmarés editar

Atlético Mineiro
Las Palmas

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Renaldo". atletico.com.br (en portugués). Consultado o 24 de outubro de 2023. 
  2. 2,0 2,1 Simões, Alexandre (4 de xullo de 2023). "A história de Renaldo, um dos ídolos do Atlético confirmados no Lendas do Galo" (en portugués). Consultado o 24 de outubro de 2023. 
  3. "La maldición del ariete". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de marzo de 1998. p. 54. 
  4. "«Me batiré con Ronaldo»". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de outubro de 1996. p. 53. 
  5. "Deportivo da Coruña 0-1 FC Barcelona 1997". BDFutbol (en castelán). Consultado o 24 de outubro de 2023. 
  6. Díaz, Pablo (12 de setembro de 2012). "Los peores fichajes de la Liga (V): Renaldo también estaba triste". Marca (en castelán). Consultado o 25 de outubro de 2023. 
  7. "Luxemburgo inclui metade dos corintianos em lista de dispensa" (en portugués). 8 de xaneiro de 1998. Consultado o 25 de outubro de 2023. 
  8. "Se cumplen 20 años del 5ª ascenso a Primera" (en castelán). 20 de maio de 2020. Consultado o 25 de outubro de 2023. 
  9. "El Lleida ficha al exdeportivista Renaldo". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de xaneiro de 2001. p. 34. 
  10. "Flavio libera a Renaldo". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xaneiro de 2002. p. 34. 
  11. "Brazil 2003 Championship - First Level (Série A)". rsssfbrasil.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2009. Consultado o 25 de outubro de 2023. 
  12. "Itaúna contrata Renaldo e compara reforço ao craque Ronaldinho Gaúcho". O Globo (en portugués). 19 de xaneiro de 2011. Consultado o 25 de outubro de 2023. 
  13. Nunes, Guido (26 de agosto de 2011). "Achei! Aos 41 anos, Renaldo contraria previsão de médico do Cruzeiro". O Globo (en portugués). Consultado o 25 de outubro de 2023. 
  14. "Brasil - Camerún 1996". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 25 de outubro de 2023. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar