O rego de Trabe[1] ou da Trabe[2], ás veces chamado río Trabe, nace nos altos do monte da Zapateira, nunha zona que foi un campo de mámoas[3], a uns 200 metros de altitude e discorre polo concello de Culleredo ata desembocar na ría do Burgo en Acea de Ama.

Rego de Trabe
O rego preto do seu nacemento na Zapateira.
PaísGaliza Galiza
NacementoA Zapateira
Altitude200 m
Lonxitude7 Km
DesembocaduraAcea de Ama, ría do Burgo

Descrición editar

O rego da Trabe nace na chaira que constitúen os altos da Zapateira, na zona en que se xuntan os concellos da Coruña, Culleredo e Arteixo, preto do club de golf. Descende rapidamente entre penedos e rochas graníticas nunha pequena fraga rodeada de plantacións de eucaliptos. O seu caudal medra coas achegas de pequenos regatos e mananciais antes de chegar aos Montes de Chans, que sortea polo sur formando un pronunciado meandro, que coincide co ángulo que actualmente conforman a estrada AC-14 e o seu ramal cara ao aeroporto da Coruña. Neste relanzo a paisaxe torna chá e o río discorre por un prado primeiro, e abeirado por vexetación riparia despois. Entrando na parroquia de Almeiras, o desnivel vólvese máis acusado e o río baixa por entre un eucaliptal. Baixo a estrada N-550, o rego da Trabe recibe pola marxe esquerda as augas do seu principal afluente, o rego do Castro, que provén da faldra norte da Zapateira. Dende aquí xa flúe por unha franxa practicamente chaira no lugar da Choeira, paralelo a un paseo peonil na beira esquerda. No seu treito final, xa canalizado e nunha contorna urbana, discorre entre parques e paseos ata chegar aos muíños de Acea de Ama na ría do Burgo.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Instituto Geográfico Nacional de España. "Cartografía Raster" (Mapa). Iberpix. Buscar A Zapateira, entidade singular na Coruña. (WMTS de cartografía raster do IGN ed.). 1:25.000. MTN25. Consultado o 20/10/2019. 
  2. Consulting, Dos Espacios Internet. "Muíños de marea". www.adelaleiro.com. Consultado o 2019-10-24. 
  3. "Os primeiros habitantes da área xeográfica coruñesa na investigación arqueolóxica". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 01 de xuño de 2013. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Luís Monteagudo, Necrópolis de Mámoas de A Zapateira (A Coruña). Anuario Brigantino.