Ralph Ashley, finado o 7 de abril de 1606 en Worcester, foi un xesuíta inglés, morto como mártir e venerado como beato pola Igrexa católica.

Ralph Ashley
Nacementoséculo XV
Lugar de nacementoWorcestershire
Falecemento7 de abril de 1606
Lugar de falecementoWorcester
CausaAforcado, azorrado e desmembrado
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónfrade
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Descoñécese a súa data e lugar de nacemento. O primeiro que se sabe del é que traballaba como cociñeiro no colexio inglés de Douai, que deixou o 28 de abril de 1590 para realizar a mesma tarefa no colexio inglés de Valladolid. Aquí ingresou na Compañía de Xesús como coadxutor, mais ao cabo dun tempo regresou a Inglaterra por mor da súa mala saúde.[1]

Coñeceu ao padre Oswald Tesimond, quen eloxiou o valor que mostrara Ashley ante os protestantes neerlandeses polos que foran capturados durante a súa viaxe. Finalmente, Tesimond e Ashley desembarcaron en Inglaterra o 9 de marzo de 1598. En Inglaterra traballou canda o padre Edward Oldcorne.[1]

Oito anos máis tarde os dous foron arrestados en Hindlip Hall, preto de Worcester, e foron encerrados na Torre de Londres xunto ao padre Henry Garnet e o coadxutor Nicholas Owen. Os dous irmáns coadxutores foron torturados, morrendo Owen durante as torturas. Finalmente, el e Oldcorne foron enviados a Worcester, onde foron xulgados e executados xuntos, o 7 de abril de 1606.[1]

Culto editar

Foi beatificado polo papa Pío XI o 15 de decembro de 1929. A súa festa celébrase na Igrexa católica o 7 de abril. No Martiroloxio romano é lembrado do seguinte xeito:

11. En Worcester, tamén en Inglaterra, beatos mártires Eduardo Oldcorne, presbítero, e Rodolfo Ashley, relixiosos da Compañía de Xesús, que exerceron clandestinamente o ministerio durante moitos anos, mais finalmente, acusados de facer parte dun complot contra o rei Xacobe I, foron encarcerados e torturados, e despois desmembrados vivos (1606).[2]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Ryan, Patrick W. R (1913). "Ven. Ralph Ashley". En Herbermann, Charles George. Catholic Encyclopedia (en inglés) I. 
  2. Martirologio romano (en castelán). p. 228. En Worcester, también en Inglaterra, beatos mártires Eduardo Oldcorne, presbítero, y Rodolfo Ashley, religiosos de la Compañía de Jesús, que ejercieron clandestinamente el ministerio durante muchos años, pero finalmente, acusados de tomar parte en un complot contra el rey Jacobo I, fueron encarcelados y torturados, y después descuartizados vivos (1606)