Pruitt-Igoe foi un gran proxecto urbanístico desenvolvido entre 1954 e 1955 na cidade de St. Louis, Missouri, Estados Unidos.[1][2]

Imaxe do proxecto de vivendas Pruitt-Igoe cos seus 33 bloques de edificios. As catro estruturas que figuran en primeiro plano formaban o Vaughn Public Housing Complex (tamén demolido). Na imaxe aparece o Colexio Pruitt, no centro da foto, e a Igrexa Polaca Católica Estanislau Kostka. Ambos os edificios permanecen aínda en pé.

Pouco tempo despois de construírse, as condicións de vida en Pruitt-Igoe comezaron a decaer; e na década de 1960, a zona atopábase en pobreza extrema, con altos índices de criminalidade e segregación, o que provocou a reacción dos medios internacionais ante o declive do barrio. O complexo foi deseñado polo arquitecto Minoru Yamasaki, autor, tamén, das torres do World Trade Center.

Ás tres da tarde do 16 de marzo de 1972, menos de 20 anos despois da súa construción, o primeiro dos 33 xigantescos edificios foi demolido polo goberno federal.[3][4] Os outros 32 restantes foron derruídos nos seguintes dous anos.

As dimensións do fracaso de Pruitt-Igoe, que se converteu nunha icona emblemática, provocou un intenso debate sobre política de vivenda pública. O proxecto Pruitt-Igoe foi unha das primeiras demolicións de edificios de arquitectura moderna e a súa destrución foi descrita polo arquitecto paisaxista, teórico e historiador da arquitectura Charles Jencks como «o día en que morreu a arquitectura moderna».[5] O material gravado da demolición foi incluído na película Koyaanisqatsi, de Godfrey Reggio con música de Philip Glass, que compuxo unha peza de oito minutos de duración e que recibiu o nome do proxecto.

Antecedentes editar

 
Idea orixinal das zonas comúns.

Durante os anos 1940 e 1950, a cidade de St. Louis, restrinxida polos seus límites establecidos en 1876, era «un lugar ateigado»; en sentido clásico, parecía e sentíase como unha verdadeira gran cidade, como sacada dunha novela de Charles Dickens.[6] A súa acumulación de vivendas deterioráronse durante o período de entreguerras e a Segunda guerra mundial. Máis de 85.000 familias vivían en pisos do século XIX e un estudo oficial de 1947 revelou que 33.000 fogares aínda tiñan baños comunais.[6] Os residentes de clase media, na súa maioría de raza branca, estaban a abandonar a cidade e as súas antigas residencias ocupábanas familias de baixos ingresos. Os barrios negros (ao norte) e os brancos (ao sur) da parte antiga da cidade segregáronse e expandíronse, ameazando con engulir o centro da cidade.[7] Para salvar as propiedades do centro dunha inminente desvalorización, as autoridades da cidade de St. Louis iniciaron un re-desenvolvemento do «anel central» ao redor do distrito central de negocios.[7] A decadencia aí foi tan profunda que a xentrificación dos bens inmobles existentes considerouse pouco práctica.[6]

En 1947, os planificadores de St. Louis propuxeron a substitución de DeSoto-Carr, un barrio negro en caída libre, por dous —e incluso tres— novos bloques de edificios residenciais e un parque público.[8] Porén, o plan non se levou a cabo finalmente. En lugar diso, o alcalde demócrata Joseph Darst, elixido en 1949, e os líderes republicanos do estado, optaron pola limpeza total dos barrios marxinais e a súa substitución por vivendas públicas de alta densidade. Explicaron que os novos proxectos crearían un resultado neto positivo para a cidade a través de maiores ingresos, novos parques, zonas de recreo e espazos comerciais.[6]

Debemos reconstruír, abrir e limpar os corazóns das nosas cidades. O feito de que os barrios marxinais foran creados con todos os males intrínsecos foi culpa de todos. Agora é responsabilidade de todos reparar ese dano.

En 1948, os votantes rexeitaron a proposta dun préstamo municipal que financiase o cambio, pero pronto a situación cambiou coa Acta de Vivenda de 1949 e as leis do estado de Missouri que proporcionaban o co-financiamento dos proxectos de vivenda pública. O achegamento efectuado por Darst, de renovación urbana, foi compartido pola administración de Harry S. Truman e os seus colegas alcaldes doutras cidades, atafegados polos traballadores industriais recrutados durante a guerra.[2] En particular, a Autoridade de Reurbanismo e Desmonte de St. Louis (Saint Louis Land Clearance and Redevelopment Authority) foi autorizada a adquirir e demoler os barrios menos favorecidos do anel central e vender, así, os terreos a prezos máis baixos a promotores privados, fomentando o regreso da clase media e o crecemento do sector dos negocios. Outra axencia, a Autoridade de Vivenda de St. Louis (Saint Louis Housing Authority), tiña que limpar o terreo co obxectivo de construír vivendas públicas para a antiga poboación dos barrios máis pobres.[7]

En 1950, St. Louis obtivera xa un compromiso federal para financiar 5.800 unidades de vivenda pública.[10] O primeiro gran proxecto deste tipo en St. Louis, Cochran Gardens, foi completado en 1953 e estaba destinado a brancos con baixos ingresos. Consistía en 704 vivendas dispostas en doce grandes edificios e a súa continuación foi Pruitt-Igoe, Darst-Webbe e Vaughan.[2] Pruitt-Igoe estaba destinado a mozos brancos e negros de clase media, illados en diferentes edificios; mentres que Darst-Webbe iría enfocado a inquilinos brancos de escasos ingresos. A vivenda pública en Missouri mantivo a segregación racial até 1956.[11]

Deseño e construción editar

En 1950, a cidade encargou á empresa Leinweber, Yamasaki & Hellmuth deseñar Pruitt-Igoe, un novo complexo urbanístico que debía o seu nome a Wendell O. Pruitt, un piloto afroamericano natural de St. Louis que loitou na Segunda guerra mundial, e William L. Igoe, antigo congresista estadounidense.[12] En principio, a cidade planificou dúas divisións: os fogares do capitán W. O. Pruitt para os residentes negros, e os apartamentos William L. Igoe para os brancos.[13] A zona limitaba con Cass Avenue ao norte, North Jefferson Avenue ao oeste, Carr Street ao sur e North 20th Street ao leste. Anteriormente á construción do complexo, o terreo era coñecido como o barrio De Soto-Carr, un gueto da comunidade negra de pobreza extrema.[7]

 
O complexo urbanístico Pruitt-Igoe estaba composto de 33 edificios de once plantas cada un situados cerca do norte de St. Louis, Missouri.

O proxecto foi deseñado polo arquitecto Minoru Yamasaki, quen máis tarde deseñaría o World Trade Center de Nova York. Este foi o primeiro gran traballo de Yamasaki, realizado baixo a supervisión e as restricións impostas pola Autoridade Federal de Vivenda Pública (PHA, Public Housing Authority). A proposta inicial consistía nunha mestura de edificios de grande altura, mediana e baixa. Foi aceptado polas autoridades de St. Louis, pero excedía os límites orzamentarios federais impostos pola PHA. A axencia interveu e impuxo un edificio uniforme de once plantas.[10][13] A escaseza de materiais provocada pola Guerra de Corea e as tensións no Congreso fixeron máis estritos os controis da PHA.[10]

 
Vista xeral de Pruitt-Igoe.

En 1951, Architectural Forum encomiou a proposta orixinal de Yamasaki e cualificouna como «o mellor apartamento de gran altura» do ano. A densidade total foi fixada nun nivel moderado de 50 unidades por acre (maior que nos barrios pobres do centro), e aínda, de acordo cos principios de planificación de Le Corbusier e o Congreso Internacional de Arquitectura Moderna, os edificios foron organizados en once plantas nun intento de destinar os xardíns e a planta baixa para zonas comúns.[10][14] Architectural Forum cualificou o deseño como "veciñanzas verticais para xente pobre".[9] Supúñase que cada fila de edificios estaría flanqueada por «un río de árbores»,[14] segundo o desenvolvemento dunha idea de Harland Bartholomew.[13] Con todo, os parques e as zonas de recreo non eran axeitados; e a zona de xogos foi engadida só despois de que os propietarios coaccionaran para a súa instalación.

Coa súa finalización en 1955, Pruitt-Igoe consistía, pois, de 33 edificios de once plantas cada un nunha área de 23 hectáreas situadas no norte de St. Louis. O complexo albergaba 2.870 apartamentos, converténdose nun dos máis grandes dos Estados Unidos.[11] Os apartamentos eran extremadamente pequenos, con reducidos accesorios de cociña.[11] Os ascensores skip-stop só paraban na primeira, cuarta, sétima e décima planta, obrigando aos veciños a utilizar as escaleiras nun intento de desconxestionar o uso do ascensor. As plantas baixas foron equipadas con grandes corredores, lavandarías, salas comúns e condutos de lixo.[14] Con todo, os ocos das escaleiras e os corredores atraeron a asaltadores.[11] O sistema de ventilación era pobre e non existía aire acondicionado.[11]

A pesar dos recortes iniciais do goberno federal, o custo final de Pruitt-Igoe elevouse a 36 millóns de dólares, un 60% por encima da media nacional en vivenda pública nese momento.[11] Os conservadores atribuíron os excesos de custos aos salarios inflados de traballo pola influencia dos sindicatos que ademais deu lugar á instalación dun custoso sistema de calefacción;[11] estes sobrecustos provocaron unha serie de recortes arbitrarios noutras partes fundamentais dos edificios.[13]

No entanto, Pruitt-Igoe tivo, ao principio, boas críticas xa que era visto como un gran avance na renovación urbana.[9] A pesar da pobre calidade dos edificios, os provedores de materiais facían referencia a Pruitt-Igoe nos seus anuncios publicitarios, aproveitando a exposición nacional do proxecto urbanístico.[9]

Decadencia editar

 
As xanelas de Pruitt-Igoe completamente vandalizadas.

Unha decisión en 1956 da corte de Missouri eliminou a segregación racial nese estado e o novo complexo de edificios pasou a ser habitado, na súa maioría, por inquilinos negros. Con todo, os cidadáns brancos decidiron non formar parte do novo e integrador barrio.[15]

 
Estado de deterioración e total abandono dos corredores dos edificios de Pruitt-Igoe.

Os edificios mantivéronse inhabitados durante anos, aínda que diversas fontes difiren en canto aos niveis de despoboamento: segundo Newman, a ocupación nunca excedeu o 60%; mentres que Ramroth asegurou que a desocupación era dun terzo en 1965.[3][14] A pesar diso, todos os autores coinciden en que a finais dos anos 1960 Pruitt-Igoe atopábase nun avanzado estado de abandono e deterioración, convertendo ao barrio nun foco de decadencia, inseguridade e crime. O seu arquitecto lamentou esta situación: «Nunca pensei que a xente fora tan destrutiva».[16] En 1971, Pruitt-Igoe albergaba só seiscentos veciños en dezasete edificios; os outros dezaseis foron tapiados.[17] Mentres tanto, o adxacente Carr Village, un barrio baixo de St. Louis e de similar composición demográfica, mantívose totalmente ocupado e sen problemas durante a construción, ocupación e declive de Pruitt-Igoe.[18]

A pesar da decadencia das zonas públicas e a violencia de cuadrillas, Pruitt-Igoe mantivo un relativo benestar durante os seus peores anos. Os propios inquilinos traballaban e limpaban as zonas comúns e, a miúdo, era un éxito. Pero cando os corredores eran compartidos por vinte familias e as escaleiras por centos, os espazos públicos caían, por tanto, en menoscabo.[18] Cando o número de residentes por espazo público aumentaba un certo nivel, ninguén se identificaba con aquelas «terras de ninguén» —lugares onde era «imposible sentir... distinguir un veciño dun intruso»—.[18]

Os habitantes de Pruitt-Igoe crearon unha asociación de veciños, dando lugar a empresas mancomunitarias. Un exemplo delas foi a creación de habitacións artesanais. Estas habitacións permitían ás mulleres de Pruitt-Igoe reunirse, relacionarse socialmente e crear elementos decorativos, colchas e estatuas para logo vendelos.

Demolición editar

En 1968 o Departamento Federal de Vivenda comezou a animar aos residentes que quedaban en Pruitt-Igoe a abandonar a veciñanza.[19]

 
Abril de 1972. A segunda demolición de Pruitt-Igoe foi televisada e seguiuna outra o 16 de marzo.[20]

En decembro de 1971 as autoridades estatais e federais accederon a demoler dous dos edificios de Pruitt-Igoe. Esperaban que unha progresiva redución da poboación nos edificios puidese mellorar as condicións. Nese momento, Pruitt-Igoe consumira xa 57 millóns de dólares, un investimento que non podía abandonarse.[3] Consideráronse diferentes posibilidades para tentar rehabilitar Pruitt-Igoe, entre as que se incluíu a conversión en edificios máis baixos, reducíndoos a catro plantas nunha reorganización «horizontal» do deseño.[3][21]

Tras meses de preparación, o primeiro edificio foi demolido mediante unha voadura controlada ás 15:00 horas do 16 de marzo de 1972.[3] O segundo edificio foi demolido o 22 de abril de 1972.[3] Tras varias voaduras efectuadas o 15 de xullo dese mesmo ano concluíu a primeira etapa da demolición.[3] O goberno federal descartou calquera plan de rehabilitación e Pruitt-Igoe agonizou durante tres anos máis. O lugar quedou limpo, finalmente, en 1976. Hoxe en día, o espazo no que se emprazou o complexo urbanístico está empregado parcialmente polas escolas Gateway Middle School e Gateway Elementary School, así como a escola militar Pruitt Military Academy; todas están dentro do distrito de escolas públicas de St. Louis. O resto do terreo foi plantado con árbores. O antigo barrio DeSoto-Carr que rodeaba a Pruitt-Igoe tamén foi derrubado e substituído por vivendas unifamiliares de menor altura.

Legado e malentendidos editar

Os motivos polos que Pruitt-Igoe fracasou son complexos. Habitualmente presentouse como un fracaso puramente arquitectónico.[22] Outros críticos achacárono a factores sociais como o declive económico de St. Louis, a marcha dos brancos aos arredores da cidade e a politizada oposición local aos plans gobernamentais en materia de vivenda. O certo é que o caso de Pruitt-Igoe é amosado como exemplo a estudar en arquitectura, socioloxía e política: «unha sandez na contorna e no comportamento da literatura»,[23] até o punto de que a historia que rodea a Pruitt-Igoe está chea de malentendidos e conceptos erróneos.[23]

Frecuentemente preséntase a Pruitt-Igoe como un proxecto innovador que non funcionou na práctica pero si en canto a galardóns polo seu deseño.[24][25] Porén, nunca gañou ningún premio profesional que non fora un recoñecemento a «mellor do ano» por algunha revista especializada como a citada anteriormente (Architectural Forum).[23] Por exemplo, un deseño anterior realizado en St. Louis polos mesmos arquitectos, Cochran Gardens, si recibiu dous premios.[23] Katherine G. Bristol afirma que este erro voluntario dos críticos formaba parte dunha manobra xeral para culpar os fracasos da vivenda pública ó Estilo Internacional, ó parecer insensible á sociedade do mundo real e a revalorización da arquitectura moderna dos anos 1970.[23]

A cidade de arquitectura moderna, como construción psicolóxica e modelo físico, volveuse tráxicamente absurda... A cidade de Le Corbusier, a famosa cidade dos CIAM e publicitada pola Carta de Atenas; a antiga cidade de liberación é cada día máis inaxeitada.
Colin Rowe, Fred Koetter (1976). Collage City. 

Charles Jencks, un dos críticos que se referiu aos inexistentes premios concedidos pola AIA,[25] utilizou Pruitt-Igoe como exemplo das perigosas intencións modernas que discorren contrarias ao desenvolvemento social do mundo real.[25] Esta idea ignora o feito de que a situación, densidade de poboación, as limitacións dos custos e mesmo o número de plantas dos edificios foron impostos polas autoridades estatais e federais.[26]

Notas editar

  1. Checkoway, p. 245
  2. 2,0 2,1 2,2 Larsen, Kirkendall, p. 61
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Ramroth, p. 165
  4. Mendelssohn, Quinn, p. 163
  5. Jencks, p.9
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Larsen, Kirkendall, p. 60
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Bristol, p. 353
  8. Ramroth, p. 169
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Ramroth, p. 164
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Bristol, p. 354
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 11,6 Larsen, Kirkendall, p. 62
  12. Sisson, p. 1237
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Hall, p. 256
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 Newman, p. 10
  15. Hoffmann
  16. Patterson, p. 336
  17. Larsen, Kirkendall p. 63
  18. 18,0 18,1 18,2 Newman, p. 11
  19. Ramroth, p. 171
  20. Ramroth, p. 166
  21. Leonard
  22. Bristol, p. 352
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 Bristol, p. 359
  24. Pipkin, p. 232
  25. 25,0 25,1 25,2 Jencks, 9
  26. Bristol, p. 360

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar