Principio de Peter

" Nunha xerarquía, todo empregado tende a ascender ata a incompetencia "
Laurence J. Peter

O principio de Peter di que nunha empresa, entidade ou organización as persoas que realizan ben o seu traballo ascenden a postos de maior responsabilidade unha e outra vez, ata que resultan incompetentes para realizar o traballo.

Este principio, formulado por Laurence J. Peter no seu libro The Peter Principle, de 1968, foi comprobado infinidade de veces. Como proba deste principio, moitos postos de alta dirección son ocupados por profesionais que non teñen a suficiente cualificación para o seu traballo, o que leva a graves erros nas decisións que toman as persoas responsables en moitas organizacións.

Explicación editar

Existe unha lóxica neste proceso, xa que os responsables de seleccionar unha persoa para un novo posto pensan na propia organización. Se un empregado existente cumpre ben o seu actual cometido, os responsables da selección deducen erroneamente que será igualmente eficaz no novo posto. Iso non quere dicir que o posto seguinte sexa máis difícil có anterior, senón unicamente que necesita dunhas habelencias distintas.

Unha complicación da xestión de recursos humanos é que os empregados competentes a miúdo queren ser incompetentes. A razón máis sinxela é que queren evitar os celos dos compañeiros ou o enfado dos xefes. Outra máis complexa ten que ver co que Peter denominou a incompetencia creativa, que é cando os empregados queren evitar ascender porque as condicións laborais non melloran proporcionalmente á responsabilidade.

O principio de Peter é, pois, unha advertencia a ter moi en conta nun proceso de selección. Deben definirse con claridade as funcións do posto a cubrir, e con base nestas, as aptitudes e actitudes necesarias por parte da persoa que o ocupará. Ao analizar a idoneidade de empregados xa existentes na organización, haberá que examinalos como candidatos ao novo posto prescindindo totalmente da eficacia coa que desenvolven a súa actual función.

O principio de Peter é unha crítica implícita das estruturas moi xerarquizadas. Nunha empresa onde a cadea de mando é moi longa, é dicir onde hai numerosos chanzos, e onde hai un único cume que acadar, este principio fará estragos. Pola contra, nunha empresa ou sociedade onde hai moitos cumes posibles, onde os chanzos son escasos, este principio non entrará en xogo.

Cando o número de postos dirixentes ocupados por incompetentes acada unha masa crítica, a organización colapsa porque non é capaz de cumprir as súas funcións.

Críticas editar

Este principio tense criticado por ir vencellado a prácticas culturais concretas e por ser efectivo unicamente en organizacións minimamente meritocráticas). En determinados contextos socioculturais os ascensos baseados no mérito non son moi frecuentes. Ademais, parte dun determinismo teleolóxico na evolución das organizacións.

Ligazóns externas editar