Coordenadas: 37°57′56″N 4°30′00″O / 37.965480147543, -4.5000519222249

O conxunto arquitectónico denominado Presa El Salto situada no termo municipal de El Carpio (Provincia de Córdoba, España) está formado por unha presa e unha central hidroeléctrica coa comunicación entre ambas.[1]

Presa e central hidroeléctrica "El Salto".

Sitúase no km 3,3 da estrada de Pedro Abad-Adamuz (CO-412), no río Guadalquivir. No deseño de estilo neomudéxar colaborou o arquitecto Casto Fernández Shaw, cos enxeñeiros Carlos Mendoza e Antonio del Águila. A súa construción, realizouse entre os anos 1918 e 1922 pola enxeñaría madrileña Mengemor.

Conta cun importante valor social para a poboación da localidade, xa que contribuíu ó desenvolvemento e expansión económica da zona desde a súa construción entre os anos 1918 e 1922.

Descrición editar

A presa, situada nun lugar onde existían unhas antigas aceas, dispón de dous estribos en ámbalas marxes do río que nivelan a canle con cinco contrafortes interiores que soportan as contraportas e o piso da ponte, subindo sobre el para soportar a estrutura metálica onde se sustentan as máquinas que accionan as contraportas. No extremo da marxe dereita, un estribo álzase en arco sobre a calzada en forma de porta. Aquí alóxanse as escaleiras de acceso á cabina de control, rematada por unha torreta octogonal, que tivo unha cúpula. Esta cúpula, o arco de ferradura con alfiz, os grupos de simple ou dobres portelos e os soportes das varandas da calzada son de estilo neomudéxar.

Toda a obra de formigón está exteriormente tratada cun revestimento de bloques do mesmo material de xuntas sinaladas a imitación de perpiaños a soga e tizón.

A superestructura metálica, constituída por unha viga en caixa de celosía, soportaba un entarimado de madeira, hoxe substituído por enreixado, onde se sitúan, en casetas protexidas, os motores que transmiten a forza ás engrenaxes que soportan as cadeas de elevación de comportas.

Da estrutura en viga sobresae ó exterior do encoro unha ponte guindastre con cabina de madeira de dúas plantas para aloxar ó operario encargado de accionar os dispositivos polos cales se transportan módulos de vigas metálicas que, amoreados nunhas rañuras paralelas ás das comportas, reteñen a auga e posibilitan a separación das citadas comportas. Este mesmo mecanismo utilízase para levantar as carcasas de motores e engrenaxes.

Os dispositivos mecánicos deste enxeño están perfectamente deseñados, atendendo ó uso e á súa función, con solucións cheas de enxeño e meticulosidade, que, ademais da súa idoneidade técnica, está chea de valores artísticos. O seu estado de conservación é moi bo.

A Central Eléctrica é un edificio construído tamén cunha preocupación estética, con cuberta en cúpula de roscas de ladrillo con torretas dun singular aire historicista e expresionista, así como con algúns detalles entre os que destaca un balcón soportado por unha cabeza de elefante. A fábrica está tratada con bloques a modo de perpiaños e é de destacar o deseño das turbinas de fabricación estranxeira, en uso desde a súa instalación.

Notas editar