Premios Princesa de Asturias

(Redirección desde «Premios Príncipe de Asturias»)

Os Premios Princesa de Asturias[1] (Premios Príncipe de Asturias ata o 2014) nacen en 1981, convocados pola Fundación Princesa de Asturias que foi creada o 24 de setembro de 1980.[2] Son entregados anualmente[3] en Oviedo, capital do Principado de Asturias.

Escudo da Fundación.

Dende o inicio o presidente de honor foi Filipe de Borbón en calidade de príncipe de Asturias mais, en outubro de 2014, o padroado da Fundación Príncipe de Asturias aprobou que tanto a institución como os premios pasasen a denominarse «Princesa de Asturias» por mor da proclamación de Filipe de Borbón como rei, Filipe VI, polo que a súa herdeira, a infanta Leonor, pasou a ser Princesa de Asturias e herdeira da Coroa de España e Presidenta de Honor da Fundación Princesa de Asturias.[4][5][6]

Características editar

Cada premio consta dun diploma, unha escultura de Joan Miró representativa do galardón -que se non se entrega no acto pois pesa oito quilos e se envía ao domicilio dos premiados-,[7] unha insignia con escudo da Fundación Príncipe de Asturias, e unha dotación en económica de 50 000 euros.

Os premiados poden ser persoas individuais, institucións ou grupos de traballo de todo o mundo que destacaran na súa traxectoria nalgunha das oito categorías dos galardóns: Artes, Deportes, Ciencias Sociais, Comunicación e Humanidades, Concordia, Cooperación Internacional, Investigación Científica e Técnica ou Letras. Ademais de todos estes, concédese tamén un galardón especial ó Pueblo Ejemplar de Asturias, concedido á vila asturiana que realizara ó longo do ano o labor máis meritorio en pro do seu desenvolvemento.

As deliberacións dos distintos xurados (un por cada premio) comezan no mes de maio, prolongándose ata o de setembro, cando se adoita fallar o Premio dos Deportes. As reunións dos xurados lévanse a cabo durante dous días no Hotel da Reconquista, situado en pleno centro da capital asturiana. O segundo día de deliberacións, o presidente do xurado fai público o fallo.

Os premios entréganse no Teatro Campoamor nunha cerimonia que foi presidida entre os anos 1981 e 2013 polo príncipe Filipe de Borbón que só faltou á cita 1984 por mor dos estudos. En 2014 volve upresidir Felipe de Borbón e Grecia pero xa convertido en rei Filipe VI, en nome da princesa de Asturias, Leonor de Borbón.

En 2006 a Fundación Príncipe de Asturias celebrou o XXV Aniversario dos Premios cun intenso programa de actividades no que participaron personalidades e institucións que ó longo destes anos foron galardoadas cos Premios nalgunha das súas categorías. Dito programa incluíu a celebración de conferencias, debates, concertos e encontros, e foi inaugurada no mes de abril de 2005 cun acto no que o científico británico e Premio Príncipe de Asturias da Concordia 1989, Stephen Hawking, pronunciou unha conferencia maxistral.

En 2015, Wikipedia levou o premio categoría Cooperación Internacional.[8] Tamén foron declarados de "excepcional achega ao patrimonio cultural da Humanidade" pola Unesco en 2005.

 
Cerimonia do ano 2010.

Categorías editar

  • Premio Princesa de Asturias das Artes. Desde 1981, concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións cuxo labor na Arquitectura, Cinematografía, Danza, Escultura, Música, Pintura e demais expresións artísticas, constitúa unha achega relevante ao patrimonio cultural da Humanidade".
  • Premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais. Desde 1981, concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións cuxo labor creador ou de investigación nos campos da Antropoloxía, Dereito, Economía, Filosofía, Xeografía, Historia, Psicoloxía, Socioloxía e demais Ciencias Sociais represente unha contribución relevante ao seu desenvolvemento en beneficio da Humanidade".
  • Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades. Desde 1981, concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións cuxo labor creador ou de investigación represente unha achega relevante á cultura universal neses campos".
  • Premio Princesa de Asturias da Concordia. Desde 1986,[5] concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións cuxo labor teña contribuído de maneira exemplar e relevante ao entendemento e á convivencia en paz entre os homes,á loita contra inxustiza, a pobreza, a enfermidade, a ignorancia ou á defensa da liberdade, ou que teña aberto novos horizontes ao coñecemento ou se teña destacado, tamén de maneira extraordinaria, na conservación e protección do patrimonio da Humanidade".
  • Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional. Desde 1981, concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións cuxo labor teña contribuído de maneira exemplar e relevante ao mutuo coñecemento, ao progreso ou á fraternidade entre os pobos".
  • Premio Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica. Desde 1981, concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións cuxos descubrimentos ou labor de investigación representen unha contribución relevante para o progreso da Humanidade nos campos das Matemáticas, Física, Química, Bioloxía, Medicina, Ciencias Ambientais, da Terra e do Espazo, así como técnicas e tecnoloxías relacionadas con elas".
  • Premio Princesa de Asturias dos Deportes. Desde 1987,[5] concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións que, ademais da exemplaridade da súa vida e obra, teñan conseguido novas metas na loita do home por superarse a si mesmo e contribuído co seu esforzo, de maneira extraordinaria, ao perfeccionamento, cultivo, promoción ou difusión dos deportes".
  • Premio Princesa de Asturias das Letras. Desde 1981, concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións cuxo labor creador ou de investigación represente unha contribución relevante á cultura universal nos campos da Literatura ou da Lingüística".

Notas editar

  1. Premios Princesa de Asturias "Quedan convocados los Premios Princesa de Asturias 2015"
  2. "Acto de constitución". fpa.es (en castelán). Consultado o 5 de xullo de 2023. 
  3. "Estatutos. Artículo 2. Objeto y fines". fpa.es (en castelán). Consultado o 5 de xullo de 2023. 
  4. "S.A.R. LA PRINCESA DE ASTURIAS". fpa.es (en castelán). Consultado o 8 de xuño de 2021. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "Fundación Príncipe de Asturias". fundacionprincipedeasturias.org (en castelán). Consultado o 1 de xullo de 2021. 
  6. "La fundación. Origen y fines" (PDF). fpa.es (en castelán). 2022. Consultado o 5 de xullo de 2023. 
  7. "Los premios en datos". fpa.es (en castelán). Consultado o 23 de marzo de 2023. 
  8. Gallo, Patricia del (23 de outubro de 2015). "Wikipedia, Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional 2015". elmundo.es (en castelán). Consultado o 5 de xullo de 2023. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar