Premios Princesa de Asturias
Os Premios Princesa de Asturias[1] (Premios Príncipe de Asturias ata o 2014) nacen en 1981, convocados pola Fundación Princesa de Asturias, e son entregados anualmente en Oviedo, capital do Principado de Asturias. En outubro de 2014, o padroado da Fundación Príncipe de Asturias aprobou que tanto a institución como os premios pasasen a denominarse «Princesa de Asturias», en alusión á herdeira da Coroa, a princesa Leonor de Borbón.
Cada premio consta dun diploma, unha escultura de Joan Miró representativa do galardón -que se non se entrega no acto pois pesa oito quilos e se envía ao domicilio dos premiados-,[2] unha insignia con escudo da Fundación Príncipe de Asturias, e unha dotación en económica de 50 000 euros.
Os premiados poden ser persoas individuais, institucións ou grupos de traballo de todo o mundo que destacaran na súa traxectoria nalgunha das oito categorías dos galardóns: Artes, Deportes, Ciencias Sociais, Comunicación e Humanidades, Concordia, Cooperación Internacional, Investigación Científica e Técnica ou Letras. Ademais de todos estes, concédese tamén un galardón especial ó Pueblo Ejemplar de Asturias, concedido á vila asturiana que realizara ó longo do ano o labor máis meritorio en pro do seu desenvolvemento.
As deliberacións dos distintos xurados (un por cada premio) comezan no mes de maio, prolongándose ata o de setembro, cando se adoita fallar o Premio dos Deportes. As reunións dos xurados lévanse a cabo durante dous días no Hotel da Reconquista, situado en pleno centro da capital asturiana. O segundo día de deliberacións, o presidente do xurado fai público o fallo.
Os premios entréganse no Teatro Campoamor nunha cerimonia que foi presidida entre os anos 1981 e 2013 polo príncipe Felipe de Borbón que só faltou á cita 1984 por mor dos estudos. En 2014 volve presidir Felipe de Borbón e Grecia pero xa convertido en rei Filipe VI, en nome da princesa de Asturias, Leonor de Borbón.
En 2006 a Fundación Príncipe de Asturias celebrou o XXV Aniversario dos Premios cun intenso programa de actividades no que participaron personalidades e institucións que ó longo destes anos foron galardoadas cos Premios nalgunha das súas categorías. Dito programa incluíu a celebración de conferencias, debates, concertos e encontros, e foi inaugurada no mes de abril de 2005 cun acto no que o científico británico e Premio Príncipe de Asturias da Concordia 1989, Stephen Hawking, pronunciou unha conferencia maxistral.
En 2015, Wikipedia levou o premio categoría Cooperación Internacional. Tamén foron declarados de "excepcional achega ao patrimonio cultural da Humanidade" pola Unesco en 2005.
CategoríasEditar
- Premio Princesa de Asturias das Artes. Desde 1981, concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións cuxo labor na Arquitectura, Cinematografía, Danza, Escultura, Música, Pintura e demais expresións artísticas, constitúa unha achega relevante ao patrimonio cultural da Humanidade"..
- Premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais. Desde 1981, concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións cuxo labor creador ou de investigación nos campos da Antropoloxía, Dereito, Economía, Filosofía, Xeografía, Historia, Psicoloxía, Socioloxía e demais Ciencias Sociais represente unha contribución relevante ao seu desenvolvemento en beneficio da Humanidade".
- Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades. Desde 1981, concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións cuxo labor creador ou de investigación represente unha achega relevante á cultura universal neses campos".
- Premio Princesa de Asturias da Concordia. Desde 1986, concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións cuxo labor teña contribuído de maneira exemplar e relevante ao entendemento e á convivencia en paz entre os homes,á loita contra inxustiza, a pobreza, a enfermidade, a ignorancia ou á defensa da liberdade, ou que teña aberto novos horizontes ao coñecemento ou se teña destacado, tamén de maneira extraordinaria, na conservación e protección do patrimonio da Humanidade".
- Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional. Desde 1981, concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións cuxo labor teña contribuído de maneira exemplar e relevante ao mutuo coñecemento, ao progreso ou á fraternidade entre os pobos".
- Premio Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica. Desde 1981, concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións cuxos descubrimentos ou labor de investigación representen unha contribución relevante para o progreso da Humanidade nos campos das Matemáticas, Física, Química, Bioloxía, Medicina, Ciencias Ambientais, da Terra e do Espazo, así como técnicas e tecnoloxías relacionadas con elas".
- Premio Princesa de Asturias dos Deportes. Desde 1987, concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións que, ademais da exemplaridade da súa vida e obra, teñan conseguido novas metas na loita do home por superarse a si mesmo e contribuído co seu esforzo, de maneira extraordinaria, ao perfeccionamento, cultivo, promoción ou difusión dos deportes".
- Premio Princesa de Asturias das Letras. Desde 1981, concedido a "a persoa, institución, grupo de persoas ou de institucións cuxo labor creador ou de investigación represente unha contribución relevante á cultura universal nos campos da Literatura ou da Lingüística".
NotasEditar
- ↑ Premios Princesa de Asturias "Quedan convocados los Premios Princesa de Asturias 2015"
- ↑ "Los premios en datos". fpa.es (en castelán). Consultado o 23 de marzo de 2023.
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Premios Princesa de Asturias |