Portaluvas
O portaluvas[1] é un compartimento do cadro dun vehículo que se encontra enriba do espazo destinado á colocación dos pés do copiloto. O seu nome deriva do seu propósito orixinal, isto é, gardar as luvas que se empregaban para conducir. Hoxe en día, porén, adoita almacenar todo tipo de obxectos.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/5/5c/Glove-box.jpg/220px-Glove-box.jpg)
Aínda que na meirande parte dos automóbiles o fecho simplemente evita que estea aberto, noutros presenta unha pequena fechadura con chave. Nalgúns modelos, o portaluvas ten unha pequena área para pousar vasos ou outros obxectos. En certos vehículos modernos é posible regular a súa temperatura permitindo, así, a súa utilización como refrixerador de bebidas.
Historia
editarCando se comezaron a fabricar os primeiros vehículos, considerábase necesario pór nas mans unhas luvas de condución. Unha das razóns era porque a maioría dos turismos non posuían un teito duro que evitase o efecto de arrefriamento provocado polo rápido movemento do ar e que podería adormecer os dedos do condutor. Por esta mesma razón os condutores de motos, quads e outros vehículos semellantes adoitan levar luvas.
Noutrora, os portaluvas contiñan luz no seu interior. Esta luz conectábase automaticamente cando se abría co fin de axudar a encontrar algún dos obxectos que contiña. No entanto, a partir do século XXI moitos fabricantes deixaron de incluír esta luz, mesmo en vehículos de luxo, para aforrar custos.
Notas
editar- ↑ Varios autores (2006). Gran Dicionario Século 21 da Lingua Galega. Galaxia. ISBN 978-84-8288-875-0.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Portaluvas |