Portal:Muller/Biografía destacada/15

Clara Langhorne Clemens Samossoud, anteriormente Clara Langhorne Clemens Gabrilowitsch, nada en Elmira (Nova York) o 8 de xuño de 1874 e finada en San Diego (California) o 19 de novembro de 1962, foi unha cantante estadounidense, filla do escritor Samuel Clemens, máis coñecido como Mark Twain. Foi contralto de concerto e, como única filla supervivente do seu pai, xestionou a súa herdanza e preservou o seu legado despois da súa morte. Casou dúas veces, a primeira co pianista ruso-estadounidense Ossip Gabrilowitsch, e logo (despois da morte de Gabrilowitsch) con Jacques Samossoud. Escribiu biografías de Gabrilowitsch e do seu pai. Ao final da súa vida converteuse en científica cristiá.

Clara foi a segunda das tres fillas nadas do matrimonio de Samuel Clemens e a súa muller Olivia Langdon Clemens en Elmira, Nova York. A súa irmá maior, Susy, morreu cando Clara tiña 22 anos. O seu único irmán, Langdon, morreu sendo aínda un bebé antes de que ela nacese. A súa irmá pequena foi Jean. Clara tivo un grave accidente de pequena, cando baixaba nunha zorra acabou sendo lanzada contra un gran carballo. Isto provocou unha grave lesión na perna que case provocou a súa amputación...