Portal:A Coruña/Lugar de interese/7

A Real Colexiata de Santa María do Campo é un templo católico de estilo románico da cidade da Coruña, declarada Ben de Interese Cultural o 3 de xuño de 1931. Tamén foi coñecida cos apelativos do Mar e do Portal. Chámaselle "do Campo" porque primitivamente estaba fóra dos muros da cidade. Desde moi antigo foi igrexa dos gremios do mar e do comercio.

Existe constancia documental da existencia dun templo románico en 1208 dedicado á Asunción da Virxe. Deste edificio só se conserva a capela maior. Segundo as inscricións que se conservan, a igrexa actual debeu construírse a finais do século XIII e principios do XIV, quedando constituída en parroquia no 1302. Porén non foi ata o ano 1441 cando o arcebispo de Santiago Lope de Mendoza erixiu a igrexa como colexiata, pasando o reitor e os capeláns a constituír un cabido colexial formado por un prior e catro cóengos en 1476. O 24 de marzo de 1494 o papa Alexandre VI concedeulle o título de abadía mediante unha bula. Ao longo da súa historia foi obxecto de numerosas intervencións, finalizando as últimas obras no ano 1899.