Ponte de Tacoma Narrows
A ponte de Tacoma Narrows é un conxunto de dúas pontes colgantes paralelas duns 1800 metros de lonxitude cada unha, cun van principal en ambos os casos de 853 m de luz entre apoios (o terceiro de maior luz do mundo na época en que foi construída a primeira das dúas pontes, en 1950).[1] Forma parte da estrada Washington State Route 16 no seu paso a través de Tacoma Narrows (no estreito de Puget) dende Tacoma a Gig Harbor (Estados Unidos).
Na súa primeira versión tiña o alcume de Galloping Gertie, sendo deseñada inicialmente por Clark Eldridge e modificada por Leon Moisseiff. En 1940, a ponte orixinal fíxose famosa polo seu dramático colapso estrutural inducido polo vento, evento que ficou rexistrado nunha filmación. A ponte que a substituíu inaugurouse en 1950, sendo duplicada cunha segunda estrutura xemelga en 2007.
Ponte orixinal
editarAs primeiras ideas para situar unha ponte neste sitio remóntanse a 1889, cunha proposta do Northern Pacific Railway, pero foi cara a mediados da década de 1920 cando a idea empezou a cobrar forza. A cámara de comercio de Tacoma comezou unha campaña e estudos para o seu financiamento en 1923. Varios expertos enxeñeiros de pontes, incluídos Joseph B. Strauss, quen logo sería enxeñeiro principal da ponte Golden Gate; e David B. Steinman, construtor da ponte Mackinac, foron consultados. Steinman realizou varias visitas pagas pola cámara culminando na presentación dunha proposta preliminar en 1929, aínda que cara a 1931 a cámara decidiu cancelar o acordo con Steinman debido a que Steinman "non era o suficientemente activo" na procura de financiamento.
En 1937 o proxecto tomou impulso, cando a lexislatura do estado de Washington creou a Washington State Toll Bridge Authority e asignou 5.000 dólares para estudar o pedido dos condados de Tacoma e Pierce para construír unha ponte sobre o estreito.
Dende o comezo, o problema foi o financiamento; a recolección da peaxe non sería abonda para pagar os custos de construción. Pero existía un forte apoio para a ponte por parte da Armada dos Estados Unidos, que operaba o estaleiro naval de Puget Sound en Bremerton, e do exército estadounidense, que tiña o McChord Field e Fort Lewis en Tacoma.
O enxeñeiro Clark Eldridge do estado de Washington presentou un "deseño preliminar dunha ponte convencional desenvolvido sobre conceptos probados e demostrados", e a autoridade de peaxe da ponte solicitou 11 millóns de dólares ao Public Works Administration (PWA) federal. Pero segundo Eldridge, un grupo de "prominentes enxeñeiros consultores do leste", encabezados polo enxeñeiro Leon Moisseiff de Nova York, propuxeron á PWA construír a ponte a menor custo.
Os plans preliminares especificaban o uso dunha viga continua horizontal de celosía de aceiro cun canto de 7,6 m, que se situaría debaixo do taboleiro da ponte (por onde discorrería a calzada) para facelo máis ríxido. Moisseiff, deseñador moi respectado da ponte Golden Gate, propuxo utilizar unha viga caixón máis esvelta, de tan só 2,4 m de canto. Segundo a súa proposta a ponte sería máis esvelta e elegante, e ademais reduciríanse os custos de construción. O deseño de Moisseiff impúxose. O 23 de xuño de 1938, a PWA aprobou un orzamento de case 6 millóns de dólares para a ponte de Tacoma Narrows. Un monto adicional de 1,6 millóns de dólares sería colleitado das peaxes até acadar o custo total de 8 millóns de dólares.
Derrube
editarO colapso inducido polo vento ocorreu o 7 de novembro de 1940 ás 11.00, por mor dun fenómeno aerodinámico de flameo (flutter en inglés). Non se rexistraron vítimas como consecuencia do derrube da ponte, agás por un can Cocker Spaniel chamado Tubby que ficou atrapado no único coche que resultou destruído durante o incidente. Theodore von Kármán, director do Laboratorio Aeronáutico Guggenheim e famoso estudoso de aerodinámica, foi membro do comité de investigación do colapso.[2] Von Kármán mencionou no seu informe que o estado de Washington non puido cobrar unha das pólizas de seguro porque o axente de seguros embolsouse en forma fraudulenta os pagamentos do seguro. O axente Hallett R. French, que representaba á Merchant's Fire Assurance Company, foi acusado de fraude por reter as primas correspondentes por un valor asegurado de 800.000 dólares. Con todo a ponte estaba asegurada por varias outras pólizas que cubrían o 80% do valor de 5,2 millóns de dólares da estrutura. A maioría destes foron cobrados sen inconvenientes.[3]
Filmación do derrube
editarA destrución final da ponte de Tacoma Narrows foi filmada por Barney Elliott, propietario dun negocio de fotografía local. The Tacoma Narrows Bridge Collapse está arquivado no National Film Registry estadounidense, e aínda hoxe en día móstrase a estudantes de enxeñaría, arquitectura e física como unha fábula.[4] O vídeo pode ser visto no Powerhouse Museum en Sydney, Australia, no centro de ciencia Da Vinci en Allentown, Pensilvania, e en YouTube.
A filmación do colapso foi proxectada moitas veces nun programa da televisión estadounidense dos anos 1950, que proxectaba filmacións solicitadas polo público da serie You Asked for It.
Ponte actual
editarO paso actual é un conxunto de dúas pontes pénsiles paralelas: a do lado leste construída en 1950 (dez anos despois do colapso en 1940 da ponte orixinal); e a do lado oeste, inaugurada en 2007 para permitir absorber o crecente tráfico de vehículos, que xa saturara a capacidade da outra estrutura. A primeira ponte deseñouse cunha capacidade de 60.000 vehículos ao día, e xa en 2005 (aínda cunha soa ponte) acadara os 90.000. Previuse que en 2020 utilizaríana diariamente 120.000 vehículos.
Ambas as pontes teñen un aspecto externo bastante similar, aínda que a ponte máis recente presenta unhas torres de suspensión máis macizas, e unha calzada cun perfil lonxitudinal máis suave ca a primeira ponte. En ambos os casos, os taboleiros son vigas de celosía dun canto considerábel, solución clásica que minimiza os problemas aerodinámicos que produciron o colapso da ponte orixinal.
Ponte do lado leste
editarA actual ponte do lado leste foi deseñada e reconstruída cunha viga aberta de celosía de perfís de aceiro, con barras rixidizadoras e unha serie de aberturas no taboleiro para facilitar o paso do vento. Inaugurouse o 14 de outubro de 1950 e ten unha lonxitude de 5979 pés (1822 m), 40 pés (12 m) máis longa ca a primeira ponte construída en 1940, a coñecida como Galloping Gertie. Os residentes locais alcumaron a nova ponte Sturdy Gertie, xa que as oscilacións que fixeron fracasar o deseño anterior elimináronse. Esta ponte, xunto coa nova ponte paralela ao lado oeste, é actualmente a quinta ponte pénsil máis longa dos Estados Unidos.
Cando se construíu en 1950, a ponte do lado leste foi a terceira ponte pénsil máis longa do mundo.[5] Do mesmo xeito que outras pontes colgantes modernas, construíuse cunha disposición de barras e placas de aceiro dispostas para optimizar a súa permeabilidade ao paso do ar, en lugar das placas verticais utilizadas na ponte de Tacoma orixinal, que formaban grandes superficies opostas ao paso do vento.
Foi deseñada para permitir o cruzamento dun total duns 60.000 vehículos por día, e transportou o tráfico nos dous sentidos de circulación ata que a ponte do lado oeste foi aberta o 15 de xullo de 2007.
Ponte do lado oeste
editarEn 1998, os votantes de varios condados de Washington aprobaron unha medida de asesoría para crear unha segunda ponte sobre o estreito de Tacoma. A construción da nova estrutura, paralela augas arriba á ponte de 1950, comezou o 4 de outubro de 2002 e completouse en xullo de 2007. En marzo de 2007, unha das xuntas de expansión demorouse durante varios días nunha estación de pesada, despois de que o Departamento de Transporte do Estado considerase que o remolque que a transportaba non tiña eixos abondos para distribuír o peso de maneira segura nas estradas de Washington. Un novo remolque de 200 pés de longo, 21 eixos e 84 pneumáticos foi construído a medida para cumprir cos requisitos. Este remolque foi reutilizado para transportar a segunda xunta un mes despois. As cargas de gran tamaño viaxaron a 36 km/h ou menos, e retiráronse da autoestrada en áreas densas para evitar afectar o tráfico diúrno.[6][7][8]
Está adicada en honra á representante estatal Ruth Fisher e ao senador estatal Robert "Bob" Oke, residente de South Kitsap e un dos principais defensores da construción da segunda ponte a través de Puget Sound entre a península de Kitsap e Tacoma.
O Departamento de Transporte do Estado de Washington cobra unha peaxe (no ano 2010 valía entre 5 e 7 dólares segundo modalidade de pagamento) para atravesar a ponte do lado oeste. A ponte de 1950 estivera libre de peaxes dende 1965. A nova ponte marca a primeira instalación do novo sistema de peaxe electrónica denominado Good To Go.
Notas
editar- ↑ Holstine, Craig E. (2005). Spanning Washington: historic highway bridges of the Evergreen State. Washington State University Press. pp. 61–62. ISBN 0-87422-281-8.
- ↑ Halacy, Jr., D. S. (1965). Father of Supersonic Flight: Theodor von Kármán. pp. 119–122.
- ↑ "Tacoma Narrows Bridge". University of Washington Special Collections. Arquivado dende o orixinal o 6 de setembro de 2006.
- ↑ "Weird Facts". Tacoma Narrows Bridge History. Washington State Department of Transportation. Arquivado dende o orixinal o 5 de marzo de 2019.
"The effects of Galloping Gertie's fall lasted long after the catastrophe. Clark Eldridge, quen foi en parte culpado polo colapso da ponte, aprendeu isto de primeira man. A finais de 1941 Eldridge estaba traballando para a U.S. Navy en Guam cando os Estados Unidos se involucraron na segunda guerra mundial. Axiña Eldridge foi capturado polos xaponeses e permaneceu o resto da guerra (tres anos e nove meses) nun campo para prisioneiros de guerra no Xapón. Para a súa sorpresa, un día un oficial xaponés, que estudara nos Estados Unidos, recoñeceuno. Foi ata Eldridge e exclamou: «Tacoma Bridge!»
- ↑ Holstine, Craig E. (2005). Spanning Washington : historic highway bridges of the Evergreen State. Washington State University Press. pp. 61–62. ISBN 0-87422-281-8.
- ↑ "Big piece of new Narrows bridge stuck at state border — it's too heavy for trailer". Seattle Times.
- ↑ Washington State DOT. "Tacoma Narrows Bridge: Follow the Expansion Joint". Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2008.
- ↑ Washington State DOT. "First of Two TNB Expansion Joints to Arrive". Arquivado dende o orixinal o 5 de setembro de 2008.